Campaña especial de consumo de alcohol e drogas da Garda Civil de Tráfico ao longo desta semana
Por Redacción
A Delegación do Goberno en Galicia anuncia que desde este luns 7 de decembro ata o vindeiro domingo 13 desenvólvese nas estradas galegas unha campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico para controlar o consumo de alcol e drogas ao volante.
Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e a presenza de drogas entre os condutores. Tamén colaborarán os Concellos das catro provincias para que a Policía Local realice probas en zonas urbanas. Haberá unha especial incidencia nas zonas de maior afluencia de vehículos.
Desde a Delegación do Goberno lémbrase que o alcol é un factor determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. Dependendo da taxa, a presenza ao volante multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias. O 45,5% dos 556 condutores falecidos durante 2019 en accidentes de tráfico rodado en España e sometidos a autopsia consumiran alcol, drogas ou psicofármacos.
A intención con esta campaña, segundo indican desde a Delegación do Goberno, é rebaixar do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.
Entre xaneiro e setembro de 2020, a Garda Civil de Tráfico realizaba en Galicia 318.878 test de alcoholemia, dos que 5.300 lanzaron un resultado positivo. Esta cifra ofrece unha taxa de positivos de 1,6%. O perfil destes positivos segue sendo o dun home cunha idade comprendida entre os 45 e os 54 anos.
En relación co consumo de drogas, a Garda Civil realizou 4.575 controis en Galicia durante eses nove meses. 1.764 supuxeron denuncia por ofrecer resultado positivo. O cannabis (THC) e a cocaína son as dúas substancias máis frecuentes detectadas nestes test.
Durante 2019, nesta mesma campaña especial realizada en decembro, desenvolvéronse 15.660 probas de alcoholemia, con 160 resultados positivos (1,02%) mentres que en drogas obtivéronse 135 positivos en 338 probas (40%).
Relacionadas:
-
Alcoholemia de récord en Poio: provoca un accidente tras beber seis veces máis do límite permitido
Por Redacción |
-
Triplica a taxa de alcoholemia, chama a un amigo para que a recolla e este tamén dá positivo
Por Redacción |
-
Interceptan un camioneiro en Vilaboa que multiplicaba por sete a taxa máxima de alcohol
Por Redacción |