Na procura de asintomáticos en institutos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Cambados e O Grove
Por Natalia Puga
Un total de 2.700 alumnos de primeiro e segundo curso de Bacharelato de diversos centros educativos de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Cambados e O Grove serán obxecto a partir deste martes 1 de decembro, e durante os vindeiros 10 días, un cribado masivo para coñecer a incidencia real da covid-19 entre a poboación adolescente, de entre 16 e 17 anos.
A orixe deste cribado é a a situación epidemiolóxica da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. O xerente, José Ramón Gómez, destacou que hai unha "alta incidencia" de casos en varios concellos e unha porcentaxe elevada de PCR positivas e que "uno de los colectivos que concentra mayor incidencia es la franja de edad de 15 a 24 años".
Dada a complexidade de cribar a toda esa franxa de idade, decidiuse de interese preventivo facelo na franxa de 16 a 17. A finalidade destes cribados é detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios.
O cribado prolongarase ata o 11 de decembro e realizarase nos propios centros. Persoal da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés achegaranse aos institutos para tomar mostras PCR a este alumnado, que posteriormente se procesarán no servizo de Microbioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra.
No caso da cidade de Pontevedra, a previsión é que se tomarán mostras entre os días 1 a 4 de decembro, en xornadas de mañá e tarde, nos IES A Xunqueira I e II, IES Sánchez Cantón, Luís Seoane, IES Frei Martin Sarmiento, Valle Inclán, IES Torrente Ballester, Sagrado Corazón e Los Sauces, para un colectivo diana de preto dos 1.650 alumnos.
Entre o 9 e o 11 de decembro, o cribado con PCR continuará con alumnado de institutos de Marín, Sanxenxo, Cambados, O Grove e Poio, para un colectivo diana doutros 1.050 alumnos destes concellos. Son os seis municipios con "incidencia más alta", segundo o xerente.
A previsión asistencial contempla tamén que, en caso de precisarse epidemioloxicamente, a mediados de decembro esta iniciativa estenderíase a outros 800 alumnos de centros educativos de Vilagarcía de Arousa e naquelas localidades nas que a situación así o requirise.
Este cribado é froito dunha coordinación coas Consellerías de Sanidade e de Educación, Cultura e Universidade e o xefe territorial da Consellería de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares, agradeceu a "colaboración excepcional dos directores e equipos directivos" destes centros para poñer en marcha esta iniciativa "pioneira en Galicia" que permitirá "coñecer con exactitude como temos actualmente este alumnado".
Esta campaña presentouse este martes no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra sen presencia de medios de comunicación. Estiveron a delegada da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro; o xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez; e os xefes territoriais de Educación e Sanidade, César Pérez e Ángeles Feijoo-Montenegro.
Relacionadas:
-
Ángeles Feijoo-Montenegro, responsable do Servizo de Alertas Epidemiolóxicas, xubílase como xefa territorial de Sanidade
Por Anxo Lourido |
-
O cribado ao alumnado de bacharelato de Poio, Sanxenxo, O Grove e Cambados detecta catro positivos
Por Oskar Viéitez |
-
Nova vítima mortal como consecuencia da covid-19 no Hospital do Salnés
Por Redacción |
-
A área sanitaria volve superar os 50 novos positivos diarios de covid-19 a pesar de realizar só 558 PCR
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra non evoluciona "adecuadamente", advirten desde Sanidade
Por Alejandro Espiño |
-
838 profesionais de 17 centros residenciais da Área Sanitaria xa fixeron os cribados con mostras de saliva
Por Redacción |