Bará pide á Xunta que "depure responsabilidades" en Sanidade e Educación polos últimos "varapaos xudiciais"
Por Oskar Viéitez
O deputado do BNG, Luís Bará pediu á Xunta de Galicia que "depure responsabilidades" respecto a os dous últimos "varapaos xudiciais" que afectan as consellerías de Sanidade e de Educación en Pontevedra.
Por unha banda, Bará referiuse á sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo número dous de Vigo que condena ao Sergas a restablecer a Enrique Temes como xefe do servizo de Pneumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), posto do que foi cesado en 2019.
Bará lembrou que os motivos que recolle este fallo xudicial son "categóricos, contundentes, demoledores" xa que a sentenza conclúe que no proceso de reevaluación do especialista houbo unha "manipulación do expediente administrativo", que hai un "desvío de poder" ademais de "falsidade documental pola Dirección de Persoal e a Xerencia", segundo sinalou o parlamentario do BNG.
"Non se que máis tiña que dicir esta sentenza para que obrigase a tomar medidas expeditivas" que no caso do Bloque "pensamos que non poden ser outras que o cesamento inmediato dos responsables destas graves irregularidades", dixo Bará nunha rolda de prensa celebrada na sede da formación nacionalista en Pontevedra.
Luís Bará ha recodado que xa existe unha "reincidencia" porque feitos como estes xa se repetiron cos xefes de servizo de Psiquiatría, Víctor Pedreira e Dixestivo, Enrique Vázquez Astray. Ao que sumou "a política de maltrato do persoal que está a levar a cabo o Sergas desde hai case unha década".
Por outra banda, o deputado do BNG no Parlamento galego referiuse a unha sentenza do Xulgado Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra que obriga á Consellería de Educación a reabrir a unidade de Primaria que pechou na Escola Infantil de Verducido que deixou fóra a catro nenas que previamente se matricularon.
Neste caso Bará reclamou "o cesamento inmediato e fulminante" do xefe territorial de Educación, César Pérez Ares "como máximo responsable desta situación" que causou un "dano irreparable" á Escola de Verducido e ás familias afectadas que, tal e como recolle a sentenza "vulneráronse os seus dereitos".
"No fondo o que estamos a ver aquí é un plan preconcibido da Xunta para pechar Primaria na Escola de Verducido", sinalou Bará que tamén pediu á consellería que "pidan desculpas ás familias" por estes feitos e que "apoien o proxecto educativo innovador, avanzado e moi premiado" deste centro pontevedrés.
Relacionadas:
-
Educación confirma que a escola de Verducido non terá Primaria o próximo curso
Por María José Pita & Mónica Patxot |
-
Piden o cesamento do xefe territorial de Educación, por actuar "irregularmente" coa Escola de Verducido
Por Redacción |
-
Educación reabrirá Primaria na escola de Verducido de maneira "inmediata"
Por Alejandro Espiño |
-
A xustiza ordena a Educación reabrir a unidade de Primaria pechada na escola de Verducido
Por Alejandro Espiño |