Atopan morta a anciá desaparecida na Lama a uns tres quilómetros da súa casa
Por Redacción
Leonisa González López, a anciá de 90 anos desaparecida o luns na Lama, foi localizada morra este xoves a uns tres quilómetros da súa casa.
Fontes veciñais confirmaron o achado arredor das 13.00 horas nunha zona coñecida como a presa da Gateira, na parroquia de Covelo. O lugar está situado na parroquia do lado da súa casa, pegado a un afluente do río Verdugo.
A muller residía cunha das súas fillas no lugar de Cambeses, na parroquia da Barcia e foi vista pola súa familia, por ultima vez con vida, este luns 2 de setembro pola tarde, entre as 15.00 e as 16.00 horas. A súa ausencia non preocupou nun primeiro momento porque malia que tiña 90 anos resultaba habitual que dera longos paseos polos montes que rodean a súa vivenda.
Non obstante, a partir das 20.00 horas as súas fillas alarmáronse, deron a voz de alarma e dende entón un amplo dispositivo de veciños, familiares, voluntarios, Protección Civil e a Garda Civil peiteou os montes e terreos das inmediacións. Tres días e medio máis tarde, o seu corpo apareceu sen vida.
Tras practicárselle a autopsia, o cadáver de Leonisa González será velado a partir das 15.00 horas deste venres no tanatorio de Ponte Caldelas (salga 2). O cortexo fúnebre partirá o sábado día 7 ás 9.00 horas da mañá, dende o tanatorio á igrexa parroquial de Santa Ana de Barcia do Seixo. Ás 10.00 horas celebraranse os funerais e posterior inhumación no cemiterio parroquial.