O programa "Radio na Biblio" suma catro novos centros educativos
Por Redacción
A Xunta de Galicia vén de incorporar un total de 30 centros educativos en toda Galicia ao programa Radio na Biblio. Da nosa contorna incorpóranse os colexios: CEIP Plurilingüe A Pedra, de Bueu; o CEIP Plurilingüe de Castrelo, Cambados; o CEIP de Cabanas, en Pontevedra e o CEP Plurilingüe de Riomaior, en Vilaboa.
O programa ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.
Coas novas incorporacións, en total participan nesta iniciativa este curso un total de 109 centros públicos de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de toda Galicia, 46 deles da provincia de Pontevedra.
Os novos centros seleccionados recibirán 2.000 euros de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.
Así mesmo, os centros que xa participaron en Radio na Biblio en cursos anteriores e renovan recibirán unha asignación de 500 euros por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.
A posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional.