A Biblioteca de Bueu ofrecerá a repartición a domicilio de libros e DVDs para persoas confinadas
Por Redacción
A rede de Bibliotecas do Concello de Bueu vén de anunciar que ofrecerá un novo servizo de reparto a domicilio de libros ou DVDs para as persoas que se atopen nunha situación de confinamento por mor da covid-19.
Trátase dunha iniciativa que, baixo o lema de 'A cultura non se confina', ofrecerá ás persoas socias da Rede de Bibilioteca de Galicia a posibilidade de facer uso deste servizo.
O concelleiro encargado da área de patrimonio, bibliotecas e arquivo, Alberto Moital, do cal saíu a idea, salienta que "se trata de achegar a cultura ás persoas que non poden asistir á biblioteca".
O servizo estará operativo a partir do luns 21 de decembro, e as persoas que desexen facer uso del deberán ser residentes no Concello de Bueu e estar inscrito/a como socio/a na Rede de Bibliotecas de Galicia.
Neste sentido, Moital anima a toda a cidadanía a solicitar o carné de socio/a, que se poderá tramitar de balde cubrindo un formulario ou por vía telefónica no 986323140 en horario de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 20 horas.
Pola súa banda, as persoas socias da Rede de Bibliotecas de Galicia poderán acceder ao préstamo de libros en formato electrónico a través da plataforma Galicia Le, consultar os libros en préstamo dispoñibles nos centros municipais a través do Catálogo de Bibliotecas, e acceder a recomendacións personalizadas e suxestións por parte do persoal das bibliotecas.
Así mesmo, e como novidade, a biblioteca pon a disposición un fondo de máis de 500 filmes en formato DVD que foron doados polo Cineclub Bueu, do que poderán gozar as persoas amantes do sétimo arte co mellor do cine independente e clásicos de directores como Pasolini, Kubrick ou Ken Loach.
Relacionadas:
-
Bueu reformará e ampliará a biblioteca Torrente Ballester
Por Redacción |
-
O Parlamento galego expón ao Goberno que o antigo edificio de Facenda albergue tamén a Biblioteca Pública
Por Redacción |
-
Luisa Piñeiro visita a mostra 'Elas escribiron a historia. As primeiras xornalistas'
Por Redacción |
-
O programa "Radio na Biblio" suma catro novos centros educativos
Por Redacción |