Problemas de tráfico durante a primeira xornada da Operación Asfalto
Por Redacción
Comezou a Operación Asfalto con traballos de conservación e mantemento de distintas rúas do centro urbano. As obras céntranse na reparación de pavimentos en mal estado que se deteriorara co paso do tempo e sobre todo, segundo apuntan dende o concello de Pontevedra, debido ás chuvias do pasado inverno. Dentro desta operación encóntrase a mellora dos pavimentos de 30 rúas, entre elas, a rotonda de Alexandre Bóveda, a avenida de Bos Aires en distintos puntos, Eduardo Pondal, Loureiro Crespo, Enrique Marescot, Germán Adrio ou Conde Bugallal. Durante esta mañá comezaron as obras co asfaltado da rotonda situada entre Alexandre Bóveda e Rafael Areses, xunto á sede da Policía Local. A obra obrigou a pechar a glorieta dende as 8:30 da mañá e abrirase durante a xornada de mañá, martes.
PROBLEMAS DE TRÁFICO
A Policía local durante esta primeira xornada tivo que controlar o tráfico debido á entrada de entre 10.000 e 12.000 vehículos na cidade, coincidindo co inicio de mes. O tráfico que se encontraba co corte na Avenida de Compostela trasladouse, sobre todo, cara a Juan Bautista Andrade e alí foi necesaria a intervención dos axentes para regular o tránsito de vehículos. A Policía tamén tivo que permitir o tráfico de saída na rúa Alexandre Bóveda ás 10:30 da mañá.
Dende a Policía local agardan que mañá se normalice a situación do tráfico e recoméndase empregar vías alternativas.
Durante este martes, 3 de setembro, está previsto arranxar un primeiro tramo na avenida de Bos Aires, á altura do colexio Vidal Portela, na antiga sede de Maxisterio. A circulación poderase realizar en sentida ponte de Santiago - ponte dos Tirantes.
Ao longo da semana tamén se van desenvolver as obras de arranxo en Eduardo Pondal, dende a rotonda con Doce de novembro ata Vialia. Está previsto para o mércores, 4 de setembro, que se peche esta rúa a partir das 08:30 horas. Pecharase o carril de saída da cidade, cara á rúa da Estación e manterase aberto o de entrada á cidade. A rúa abrirase ao trafico durante o xoves 5.
A próxima semana, as obras trasladaranse ás rúas Conde de Bugallal, Germán Adrio e a avenida de Bos Aires entre a praia fluvial e a nova ponte de Monte Porreiro.
A primeira fase desenvólvese entre setembro e outubro co arranxo de 10 rúas cun investimento de 500.000 euros. Acométense nestas datas antes do inicio escolar e aproveitando o bo tempo.
Relacionadas:
-
Continúa a 'Operación Asfalto' con obras en varias rúas da zona leste da cidade
Por Redacción |
-
O mércores pecha ao tráfico un carril da avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
Corte de tráfico en Conde Bugallal para o seu reasfaltado
Por Redacción |
-
Trasladan ao Provincial a unha muller embarazada tras colisionar o seu turismo cunha máquina de obra
Por Redacción |
-
O luns chega con cortes de tráfico por obras na avenida de Compostela e a ponte dos Tirantes
Por Redacción |