Caldas aprobará unha baixada de impostos para axudar a superar a crise aos ses veciños e empresas
Por Redacción
O Concello de Caldas levará ao próximo pleno a modificación de diversas ordenanzas fiscais para o próximo exercicio nas que contemplan a conxelación de taxas e a aplicación de numerosas rebaixas e exencións en diversos tributos para beneficiar a algúns dos sectores máis prexudicados pola crise económica da covid-19.
O alcalde Juan Manuel Rey destacou que "estamos diante dunha aposta clara do Goberno por diminuír a presión fiscal nun momento de dificultade económica, coa que encadeamos nove anos sen subir ningún imposto nin taxa en Caldas pero, ademais, introducimos exencións ou reducións importantes en tributos que afectan ao conxunto da cidadanía e a aqueles sectores que máis están sufrindo as consecuencias da crise".
Entre os impostos para modificar atópase a exención total das taxas de terrazas e toldos para a hostalería, a exención do tributo por prestación de servizos por licenza de taxi, rebaixa do 50 % por ocupación da vía pública para os vendedores ambulantes e para os placeiros do mercado de abastos. Ademais do desconto dun 10 % para toda a cidadanía e negocios no recibo do lixo.