"Entendemento mutuo" entre o Concello e a hostalería de Caldas para dinamizar a economía post covid-19
Por Redacción
O alcalde e o concelleiro de Comercio de Caldas, Juan Manuel Rey e Jacobo Pérez, mantiveron unha reunión de traballo coa Asociación da Hostalaría de Caldas de Reis para abordar a situación actual do sector ante a crise sanitaria da covid-19 e, segundo deu a coñecer o Concello, deron mostra de "entendemento mutuo" para facer fronte á situación.
Segundo indicou o Concello a través dun comunicado, o alcalde cualificou o encontro de "moi satisfactorio" e destacou, ademais dese entendemento mutuo, "a altura de miras e o afán de colaboración mostrado pola hostalaría"
Ademais, reiterou a "absoluta empatía" do Goberno municipal con comerciantes e hostaleiros, dous dos colectivos que máis están sufrindo a crise, e o compromiso municipal de seguir traballando na súa reactivación porque son sectores cuxa "boa saúde" é fundamental para manter un tecido económico e laboral puxante en Caldas.
A reunión serviu para avanzar propostas de colaboración e medidas de reactivación e, segundo sinalou o Concello, os hostaleiros acolleron moi positivamente as rebaixas e as exencións de taxas aplicadas por parte do Concello para o próximo exercicio, en especial, a relativa ás terrazas que inclúe a posibilidade de ampliación sen custo adicional.
Un dos temas que se puxo sobre a mesa foi un convenio de colaboración encamiñado ao establecemento de accións promocionais e de dinamización que xeren un novo pulo nuns sectores moi castigados pola situación sanitaria.
No marco das accións conxuntas iniciouse xa a elaboración do Plan de Continxencia para o Apoio ao Comercio e á Hostalaría de Caldas de Reis no marco da crise da covid-19, que foi aprobado en Pleno. O proxecto está sendo redactado pola consultora H4 Soluciones e prevese a súa finalización para finais de mes.