Caldas recoñece un sobreesforzo económico de máis de 22.700 euros nos protocolos de limpeza e desinfección escolar
Por Redacción
O Concello de Caldas admite que este curso realiza un sobreesforzo económico notable para cumprir cos protocolos de limpeza e desinfección establecidos polas autoridades sanitarias para facer fronte ao coronavirus.
O investimento realizado tanto nas escolas unitarias como no CEIP San Clemente alcanza un custo de 22.748 euros, que asumen as arcas municipais. A estas accións súmase a desinfección peródica que a Agrupación de Voluntaros de Protección Civil realiza durante as tardes en zonas comúns dos centros escolares. Tamén o Servizo de Obras desenvolveu diversos traballos de acondicionamento nas instalacións apra mellorar os accesos ao IES Aquis Celenis desde a Carballeira ofrecendo un roteiro que permita a entrada ordenada e segura do estudantado.
Tamén se realizou a entrega de sprays individuais recargables de xel desinfectante para que o alumnado manteña a hixiene de mans durante a actividade escolar. Ademais, o goberno local entregaba aos centros unha partida importante de máscaras para os menores que forman parte de familias con dificultades económicas. Do mesmo xeito, tamén se ofreceron máscaras de protección facial para o alumnado que, por causas médicas xustificadas non poida empregar as máscaras cirúrxicas ou hixiénicas. Tamén se instalaron bidóns de hidroxel en cada centro educativo que se repoñerán en función das necesidades.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas, recoñece que para o goberno municipal a educación é unha prioridade e por iso non dubida en atender as demandas dos colexios "a pesar de que sanidade e educación non son competencia municipais". Jacobo Pérez, concelleiro de Educación, tamén na mesma liña indicou que desde o Concello mantense un contacto permanente coa comunidade educativa para dar resposta a calquera cuestión que xurda.
CONVENIOS COAS ANPAS
Ademais, o Concello asinaba un convenio de colaboración coa Asociación de Nais e Pais de Alumnado (ANPA) do C.P.I. Afonso VII no que se establece o financiamento para poñer en marcha o Plan Concilia durante este curso. Un convenio similar asinarase co ANPA do CEIP San Clemente. Nesta ocasión duplicouse a cantidade destinada a estes acordos de coaboración, pasando de 5.000 a 10.550 euros.
Co Plan Concilia quérese axudar ás familias que, por cuestións laborais, persoais ou por outras circunstancias, teñen que levar aos seus fillos á escola antes do inicio das clases ou para os menores que tras o horario lectivo deben esperar para acudir ao comedor escolar ou que teñan que esperar para ser recolleitos.