Rajoy volverá a Soutomaior "dentro de un año a anunciar una bajada de impuestos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Eu virei aquí a Sotomayor dentro dun ano a anunciar unha baixada de impostos". A frase pronunciouna o presidente do Goberno e do PP, Mariano Rajoy, este sábado durante a apertura oficial do curso político do seu partido en Soutomaior e espertou un runrún entre os ao redor dun millar de cargos públicos e militantes do partido presentes. Á marxe das consideracións lingüísticas por 'castellanizar' o nome do municipio, aplaudiron o anuncio fiscal máis esperado polos españois nos últimos meses.
O deste sábado 31 de agosto é o sétimo curso político que o PP abre en Soutomaior e tanto o alcalde do municipio, Agustín Reguera, como os presidentes provincial e autonómico do partido, Rafael Louzán e Alberto Núñez Feijóo, agradeceron a confianza de Rajoy por seguir facéndoo. El, que tomou a palabra en último lugar, tomou a luva que lle lanzaron e recordou que "lo hemos hecho en la oposición, y lo hacemos ahora, en el Gobierno".
Siempre venimos aquí y, para mí, éste es uno de los lugares donde más felices me siento de los muchos a los que tengo que acudir como consecuencia de mi actividad política. Esta es mi casa y éste, el PP de Galicia, mi partido", sentenciou, arrancando un sorriso de satisfacción e orgullo entre os asistentes.
Precisamente, o "orgullo" de ser galego e do Partido Popular foi o sentimento que máis repetiron os catro oradores do acto. Reguera mostrouse "orgulloso" dun presidente do Goberno que "nos vai sacar deste pozo máis ben antes que despois". Louzán, da "unidade como forza politica" e de ser o partido "que ten sentido común e que máis se parece a Galicia". O orgullo de Feijóo débese a que "temos un futuro cheo de posibilidades e de oportunidades" e a que grazas ao Goberno de Rajoy "hemos superado un rescate porque hemos tenido un partido a la altura"..
O "recuerdo especial" de Louzán, Feijóo e Rajoy ás vítimas do accidente ferroviario do 24 de xullo en Santiago de Compostela e a "repulsa" de Feijóo "a quenes queren queimar Galicia" foron os momentos máis ovacionados por un público menos entusiasta que en anos anteriores ante a intervención de Rajoy, á que xa chegaron, pasadas as 12.30 horas, con poucas forzas.
O sol pegaba con fueza en Soutomaior e pouco a pouco os asistentes foron deixando baleiras as cadeiras polas que unha hora antes había golpes para buscar un resgardo baixo as árbores do idílico enclave elixido polo PP para arrancar o curso político. Malia estar máis concentrado en poñerse as gorras que o partido repartira antes do acto e en buscar unha sombra que no discurso do presidente, non escapou aos presentes que Rajoy non fixo ningunha referencia ao caso Bárcenas que o asedia nos últimos meses.
Malia ese silencio, a polémica non se estendeu entre os presentes. Contrarrestouna a insistencia tanto de Feijóo coma de Rajoy en que "el camino de la recuperación está en marcha" e na "referencia de buen gobierno, solvencia y buena gestión" en que se converteu o Goberno da Xunta de Galicia no resto de España.
Sacou peito o presidente dos 'populares' con que ""las cosas aún no están bien, pero están mejor que hace un año, y os digo que el año que viene estarán mucho mejor" e co "cambio sustancial" na economía española no ano transcorrido dende a súa última visita a Soutomaior, cando España estaba pendente dun rescate. "Hace un año se hablaba de la prima de riesgo, y del rescate, hoy ya no", insistiu.
Non faltaron os presidentes provinciais de Ourense e A Coruña; a ministra de Fomento, Ana Pastor; a presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo; conselleiros como Agustín Hernández, Jesús Vázquez ou Alfonso Rueda; os delegado e subdelegado do Gobierno, Samuel Juárez e Antonio Coello; alcaldes e concelleiros de toda a provincia e, sobre todo, moito admirador de Rajoy. Non en van, o líder dos 'populares' demorou máis de media hora a súa saída do Castelo de Soutomaior ao rematar o acto porque cada segundo o paraban decenas de militantes: "presidente, una foto, por favor".
Marchou antes, e con menos flashes e atención dos seus, o ex presidente da Xunta de Galicia Gerardo Fernández Albor. Recordado polos líderes actuais do seu partido nos seus discursos, os achaques da idade fixérono abandonar o escenario inmediatamente despois. Fíxoo de forma silenciosa, con paso lento e, por momentos, inseguro no chan de céspede e cun único acompañante. Alfonso Rueda perdeuse o momento das fotos co resto de cargos políticos, pero afastouse con el cara á zona de aparcadoiro departindo amigablemente.