Rajoy regresa a Soutomaior para abrir o curso político ante mil militantes
Por Redacción
Pontevedra é a elixida, un ano máis, por Mariano Rajoy para inaugurar o curso político. O presidente do Goberno preside este sábado 31 de agosto o tradicional acto co que os populares retoman a súa actividade. Será no Castelo de Soutomaior. Así o adiantou hai unhas semanas o presidente do PP provincial, Rafael Louzán, que anunciou que a dito acto prevese que acudan máis de mil persoas entre cargos políticos do partido e militantes.
Este acto chega tan só seis días despois de que Rajoy regresase a Madrid tras as súas vacacións pontevedresas. Pasou dúas semanas aloxado na casa rural 'A Casa de Alicia' de Ribadumia coa súa muller e os seus dous fillos e dedicou todas as mañás a percorrer a paso firme a Ruta da Pedra e da Auga ata Armenteira (Meis) co presidente da Autoridade Portuaria de Marín e Ría de Pontevedra e esposo da ministra Ana Pastor, José Benito Suárez Costa. Tras o descanso, e previo paseo de despedida acompañado dun amplo séquito do PP, regresou o domingo a Madrid. Este sábado volverá aparecer en público rodeado dos seus.
Louzán asegurou sentirse moi satisfeito de que, unha vez máis, este acto que marca o reinicio da actividade política despois do período estival, "se faga desde a provincia de Pontevedra". Destacou que "como responsable a nivel provincial do PP, que o presidente do goberno de España e de Galicia elixan este marco magnífico para o inicio do curso político é unha satisfacción".
Este acto político chega, segundo Rafael Louzán, "nun momento no que comeza a haber certos signos dunha melloría económica que, aínda sen que sexa posible falar dunha recuperación económica inmediata, si son alentadores e amosan que nos atopamos non bo camiño e que, co esforzo de todos, iremos saíndo pouco a pouco desta crise".
Neste sentido, sinalou que se trata dun panorama "claramente mellor" que o que marcou o inicio do curso político dos últimos anos, "froito do compromiso e das medidas do actual goberno e da responsabilidade conxunta de todos", concluíu Louzán.