Sanxenxo dota a praza de abastos de Portonovo de baños accesibles
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o concelleiro de Economía, Marcos Guisasola, supervisaron este mércores o resultado da mellora levada a cabo na praza de abastos de Portonovo. A obra conta cun investimento de 41.245 euros e finánciase a través de fondos municipais, do Feader, de Agader e do MAPA.
Os traballos centráronse na dotación duns aseos adaptados para persoas con mobilidade reducida, o revestimento das bancadas centrais, a selaxe da estrutura do edificio para evitar humidades e a limpeza da fachada.
"Son unhas obras moi demandadas tanto polos traballadores como polos veciños que veñen a mercar á praza de Portonovo. Facemos todos os anos inversión neste espazo que presta un gran servizo non só ao municipio senón a toda a comarca e no que seguiremos facendo melloras, pero tamén no entorno no que se atopa e que é privilexiado", explicou o alcalde, Telmo Martín.
Martín sinalou que o obxectivo do goberno local é humanizar a contorna da praza un proxecto que continúe a senda da PO-308 desde a rotonda de Canelas ata a da entrada de Portonovo. Unha obra que expuxo á delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, durante a súa última visita a Sanxenxo.
"É preciso actuar no corazón comercial de Portonovo como xa se fixo na Rúa Progreso e humanizar todo o entorno. Esta sería unha primeira fase, pero a máis urxente, e logo acometeríase a segunda ata a rotonda de Arnelas", explicou.
O alcalde lembrou tamén outras actuacións que prevé que se poidan executar "en breve" na vila mariñeira como é a mellora de seguridade viaria na estrada de Portonovo - A Vichona, que se realizará en colaboración coa Deputación de Pontevedra.
Outro gran proxecto pendente é a humanización da contorna do colexio de Portonovo, o mercado e o parque do Espiñeiro. Unha obra valorada en 830.000 euros que consiste na humanización da zona máis concorrida da vila e na que se concentra boa parte da actividade comercial. O proxecto contempla a mellora e ampliación das beirarrúas, así como a reordenación do aparcamento do mercado.
Este último proxecto está suxeito a unha subvención da Deputación de Pontevedra, en principio denegada, pero recorrida diante da xustiza que fallou a favor do Concello, e que podería ascender a 500.000 euros.