A segunda fase das reposicións do pavimento urbano arranca na avenida de Bos Aires
Por Redacción
Co obxectivo de interromper o tráfico o menos posible, durante os dous próximos días vaise a renovar o firme na avenida de Bos Aires. Os traballos comezarán este mesmo xoves.
A reposición do pavimento será feita pola empresa COVSA no marco do contrato de mantemento de espazos públicos urbanos. A partir do mediodía, os operarios estarán a traballar no treito que pasa á altura da saída posterior do mercado de abastos.
A actuación na avenida Bos Aires realizarase sen cortar a circulación de tráfico rodado, polo que a reposición da capa de rodadura non será simultánea en ambos carrís senón que se actuará de xeito alterno.
Con esta obra arranca a segunda fase destas reformas do pavimento urbano. A edil responsable do mantemento de espazos públicos, Eva Vilaverde, explica que estas obras son "complementarias" cos traballos "prioritarios" nas zonas peonís.
"Consideramos que é necesario acometer unha segunda fase de reposición de firme que nos permita manter o estándar de calidade naquelas outras zonas onde polo seu uso o pavimento está máis deteriorado", asegura Vilaverde.
Despois deste asfaltado, os traballos continuarán na rúa do Cordón, na avenida do Uruguai, na rúa da Barca, na glorieta de Doce de Novembro con Teixoeira, Alcalde Hevia, Alexandre Bóveda, praza de Barcelos con Perfecto Feijóo, Casimiro Gómez e Daniel de la Sota.
Todas estas actuacións faranse ao longo do mes de outubro, sempre que o permitan a condicións metereolóxicas.
Relacionadas:
-
Renovan o asfaltado de varios treitos de Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro
Por Redacción |
-
As obras no acceso ao Álvarez Limeses estarán rematadas para o inicio de curso
Por Redacción |
-
O Concello de Pontevedra comeza a acondicionar a contorna dos centros educativos para o inicio do curso
Por Redacción |
-
O zafarrancho de limpeza e roza do rural atendeu a case a metade da poboación das parroquias
Por Redacción |