Renovan o asfaltado de varios treitos de Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro
Por Redacción
Durante os dous próximos días, tres importantes rúas da cidade renovarán o seu pavimento. Trátase de Eduardo Pondal, Alcalde Hevia e Doce de novembro, incluídas na segunda fase da reposición de firmes encargada polo goberno municipal de Pontevedra.
Os asfaltados previstos para luns e martes, se o tempo acompaña, pretender solucionar os estragos en determinados tramos do firme, xa que teñen esgotada a súa vida útil polo uso.
En Eduardo Pondal a pavimentación parcial da rúa comezará este luns, a partir das 15.00 horas, no tramo comprendido entre Doce de novembro e a rúa da Estación. En principio non supón cortes de tráfico que será dirixido con pasos alternativos.
Para o luns tamén mañá está programado o asfaltado do primeiro tramo da rúa Alcalde Hevia, entre María Victoria Moreno e San Pedro Alcántara. Farase inicialmente o fresado da calzada e, a continuación, o seu asfaltado. Neste caso será preciso pechar a rúa polo que os vehículos poderán circular cara Iglesias Vilarelle ou Augusto García Sánchez.
A rúa Doce de novembro sumarase o martes a este plan de pavimentacións. En concreto, a rotonda coa rúa Teixoeira. Neste punto tamén está previsto un fresado previo e un asfaltado a continuación. A Policía Local elaborou un plan de tráfico para a zona durante estes traballos.
Estas novas pavimentacións incorpóranse ás xa feitas durante estes dez días e completaranse con outras antes de que remate o mes, dependendo das condicións meteorolóxicas.
Xa está acabada a pavimentación da rúa Cordón e algúns tramos da rúa da Santiña, ambas no barrio do Burgo, realizados durante as xornadas do xoves e do venres.
Tamén se incluíron neste plan de reposición do firme a rúa Alexandre Bóveda e Celso Emilio Ferreiro, para acondicionar os accesos á zona escolar e universitaria, e as avenidas do Uruguai e de Bos Aires, onde se actuou diante do náutico e na traseira do mercado de abastos.
Antes de que remate outubro, o Concello prevé actuar tamén no pavimento de Casimiro Gómez, o entronque de Perfecto Feijoo con Barcelos ou a rúa Daniel de la Sota.