O zafarrancho de limpeza e roza do rural atendeu a case a metade da poboación das parroquias
Por Redacción
O bo tempo das últimas semanas permitiu imprimir un moi bo ritmo ao plan de roza, limpeza e mantemento dos espazos públicos rurais.
A día de hoxe, segundo o Concello, as brigadas habilitadas para estes labores están a piques de rematar a parroquia de Tomeza para pasar a Marcón, e xa están atendidas as parroquias de Lérez, Lourizán, Salcedo, Ponte Sampaio, Canicouva, e gran parte de Tomeza, onde reside máis do 45% da poboación do rural.
Este plan de roza, limpeza e mantemento dos espazos públicos rurais que acomete a Concellaría de Xestión de Residuos e Limpeza de Espazos Públicos, que dirixe Raimundo González, nas 15 parroquias do rural, está traballando co horizonte de completar os centos de quilómetros de vías municipais e espazos públicos en xeral, en todo o rural a mediados do mes de agosto, quedando pendentes para as vindeiras catro semanas Marcón (que poderá comezar na vindeira), Bora, Santo André de Xeve, Santa María de Xeve, Verducido, Cerponzóns, Alba, Campañó e Mourente.
Este zafarrancho xeral do rural atende tanto a limpeza e roza nas vías municipais, como en zonas verdes, lugares de centralidade parroquial, parques infantís e espazos públicos en xeral no que participan catro brigadas con tres tractores de roza, maquinaria pequena e traballo manual.
Para que a limpeza sexa duradeira, as brigadas traballan minuciosamente, o que pode ralentizar un pouco máis os traballos, pero supón unha garantía para todo o verán. Con esta premisa fanse rozas da herba e da maleza que crece nas marxes das vías municipais con dous tractores nos lugares que permite o uso desta maquinaria. No caso de espazos nos que non se pode utilizar, a roza é manual; recóllense os restos desas cortas por un equipo que pecha a brigada, encargado, tamén, do soprado das marxes.
Este plan non só se está a realizar nos ámbitos propiamente rurais, senón tamén nas zonas periurbanas (Mollavao, Monte Porreiro-Mourente...) que requiren de atención por non ter unha condición estritamente urbana. Nestes casos tamén se traballa cun tractor e unha brigada, e nos puntos nos que non se pode traballar con maquinaria, as rozas fanse a man.
Raimundo González asegurou estar "satisfeito co ritmo e o resultado dos traballos que se están a realizar". Recoñeceu que "son uns labores moi agardados polos veciños e veciñas das parroquias do rural coa chegada do verán, xa que trata de controlar o crecemento das malezas, retirar os entullos e arranxar os desperfectos que se foron rexistrando durante o inverno", por iso tamén quere agradecer a espera dos residentes das parroquias do rural nos que aínda está por chegar este plan de limpeza e roza.
Relacionadas:
-
A segunda fase das reposicións do pavimento urbano arranca na avenida de Bos Aires
Por Redacción |
-
Queixas veciñais polas verteduras de entullos e material voluminoso no roteiro de 'Salcedo no tempo'
Por Redacción |
-
Anuncian a limpeza e varrido de Juan Carlos I
Por Redacción |
-
As rozas do rural caldelán chegan a Vilarchán e A Reigosa
Por Redacción |
-
O PP denuncia a "sucidade e abandono" na praia de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |
-
Caldas únese á campaña contra a 'basuraleza' nun verán no que se prevé un aumento do turismo de natureza
Por Redacción |