Denuncian un mozo de 18 anos localizado sen máscara e portando haxix na zona da Alameda
Por Natalia Puga
A Policía Nacional levantou dúas actas administrativas a un mozo veciño de Pontevedra de 18 anos que na tarde do martes foi localizado por axentes de paisano cometendo dúas irregularidades: ía sen a máscara obrigatoria para a prevención da pandemia da Covid-19 e levaba encima unha pequena cantidade de haxix.
Segundo a información confirmada pola Policía Nacional, a identificación deste mozo enmárcase no denominado Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas, pois desde o inicio do curso escolar, e cumprindo con este plan, reforzouse a vixilancia policial nos colexios e institutos de Pontevedra.
Dous axentes de paisano deste dispositivo de vixilancia estaban a realizar tamén tarefas de prevención do consumo e venda de drogas nas contornas dos centros educativos e localizaron este mozo na Alameda, nas inmediacións do instituto Valle Inclán.
O mozo estaba a fumar haxix no parque e, en canto viu aos policías, saíu correndo, sen máscara. Os axentes foron tras el e identificárono xa na rúa Riestra, nunha intervención que chamou a atención ás persoas que circulaban por esta céntrica zona de Pontevedra durante a tarde.
Os axentes realizáronlle un cacheo superficial e descubriron que levaba encima unha pequena cantidade de haxix.
Unha vez constatadas as dúas infraccións, os policías levantaron acta e deixárono ir.