Turismo sostible e saúde ambiental protagonizarán o mes de novembro en Caldas
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vén de anunciar que o vindeiro 26 de novembro acollerá as IV Xornadas Ambientais de Turismo Sostible no Camiño Portugués e o LXIII Curso de Saúde Ambiental, promovidas polo Programa Galego de Municipios Saudables e Sostibles e o propio consistorio caldense.
O programa final das xornadas estase pechando pero dende a organización xa adiantan que se contará coa habitual presenza de expertos de recoñecido prestixio nas súas especialidades. Precisamente, este luns tivo lugar unha reunión na que participou o profesor, científico e director do evento, Francisco Peña, xunto co concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, e o responsable do Departamento Municipal de Medio Ambiente, Luís González.
Este espazo formativo busca integrar medio ambiente e saúde como elementos na formación e reciclaxe de técnicos ambientais. E deste xeito poder contribuír á mellora da xestión e as condicións de vida urbana da cidadanía.
Ademais desta vertente formativa, as xornadas queren establecer un foro de debate plural que contribúa a avanzar na loita contra o cambio climático, fomentar o modelo de economía circular e impulsar o turismo sostible no Camiño Portugués.
As xornadas celebraranse na Escola Municipal de Música, cunha limitación do aforo a 30 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición para cumprir co protocolo de seguridade anti-covid. O prazo de inscrición abrirase o 1 de novembro e o alumnado participante recibirá un certificado de asistencia. Ademais os interesados poden seguir as xornadas por internet.
O profesor Francisco Peña explicou que "Caldas de Reis é un lugar estratéxico e un referente como destino natural, termal e turístico, dende o que cada ano pretendemos mobilizar ao mundo na loita contra a crisis climática e a favor da economía circular e o turismo sostible no Camiño Portugués para tentar garantir o futuro do planeta".
Polo seu lado, o tenente de alcalde e concelleiro de Medio Ambiente, Manuel González, destacou que "para o Concello de Caldas é unha honra acoller novamente as Xornadas Ambientais e de Turismo Sostible no Camiño Portugués".
Relacionadas:
-
As leccións para extraer da pandemia centran as xornadas ambientais sobre turismo sostible de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas convida a coñecer a biodiversidade do Umia cunha andaina divulgativa
Por Redacción |
-
A primeira Vía Verde de Galicia xa é unha realidade no Salnés: "esta provincia volve ser referencia"
Por Redacción |
-
Caldas súmase á campaña #MiPuebloSinBasuraleza e acondiciona o seu tramo do Camiño Portugués
Por Redacción |