A primeira Vía Verde de Galicia xa é unha realidade no Salnés: "esta provincia volve ser referencia"
Por Redacción
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e os alcaldes de Vilagarcía, Caldas e Portas Alberto Varela, Juan Manuel Rey e Ricardo Martínez, inauguraron este luns a nova Vía Verde do Salnés cun percorrido polo novo itinerario peonil no que destacaron o grande logro que supón este proxecto.
Esta nova Vía Verde é a primeira que transcorre integramente por territorio galego e supón unha senda de nove quilómetros para uso peonil, cicloturista e para persoas con mobilidade reducida que convirte a traza do antigo trazado ferroviario nun reclamo turístico e de lecer.
Carmela Silva sinalou que con esta obra "esta provincia volve a ser unha referencia tamén con esta senda, a primeira que transcorre exclusivamente por Galicia" e puxo este proxecto como exemplo "do turismo que queremos, sostible ligado ao patrimonio, á natureza, á cultura e a nosa historia".
Respecto disto, tamén anunciou que a Deputación organizará este mesmo outono actividades culturais importantes que se desenvolverán na propia senda para poñela en valor.
Os representantes políticos percorreron un tramo de quilómetro e medio entre Caldas e o Pazo de Rubiáns, en Vilagarcía, onde está situado un dos dous miradoiros da ruta, e comprobaron o resultado dunha obra realizada pola Deputación de Pontevedra en colaboración cos concellos de Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas cun orzamento de 356.186,87 euros.
A Deputación achegou 200.000 euros e os concellos 84.000 euros (Vilagarcía); 53.600 (Caldas) e 19.000 (Portas). Nestes momentos só queda pendente a rehabilitación da ponte metálica sobre o río Umia, que asume a Xunta de Galicia xunto co mobiliario e a sinalética de toda a ruta, cuxas obras xa comezaron e que estarán rematadas antes de fin de ano.
Carmela Silva destacou a grande idea que tiveron os tres concellos impulsores e asegurou que a Deputación non tivo "a menor dúbida" en apoiala e participar porque "son dese tipo de proxectos interterritoriais nos que queremos estar". Destacou ademais a colaboración entre os distintos alcaldes, que "tiveron esa mirada antes que ninguén e demostran que van seguir a facelo cun mantemento coordinado desta vía".
O alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey, lembrou as dificultades "dun parto lento e delicado que nos trouxo ata aquí" e sinalou que infraestrutura axudará moito ao turismo e a facer singulares aos tres concellos.
O alcalde de Portas, Ricardo Martínez, apuntou "o valor engadido que supón a vía verde para os tres pobos" e invitou a veciñanza e ao turismo a visitar a senda.
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, puxo en valor "o traballo a ilusión e a unión dos tres concellos ao redor do proxecto que é unha bomba turística" e agradeceu "a visión e a intelixencia da Deputación desde o principio".