Critican que Tino Fernández fixo un uso "parcial" dunha reunión cos directores dos colexios pontevedreses
Por Redacción
Os directores e directoras de 18 centros educativos de Infantil e Primaria do Concello de Pontevedra remitiron nos últimos días un escrito ao concelleiro de Educación, Tino Fernández, para expresar o seu "malestar" pola utilización "parcial" das achegas que eles fixeron nunha reunión virtual celebrada o pasado 19 de xuño.
O malestar dos directores ven pola nota de prensa difundida polo concelleiro de Educación despois da reunión, pois aseguran que non reflicte fielmente o que sucedeu nesa reunión que convocou o propio Tino Fernández coa finalidade de analizar a situación provocada pola Covid-19 ante o vindeiro curso 2020-2021 e á que os responsables dos centros asistiron voluntariamente "para coñecer as propostas ou ideas" que o concelleiro tiña para os colexios.
Así, aseguran que nesa reunión virtual falouse da actualidade dos centros educativos en relación ás carencias ou necesidade de obras e mantemento que os colexios teñen e que entran dentro das funcións do Concello de Pontevedra cando non son obras maiores e que en ningún momento se fixo mención ás posibles responsabilidades ou funcións doutros organismos máis aló do Concello "posto que naquela reunión o tema a tratar era exclusivamente as competencias de mantemento e as previsións de accións a levar a cabo no próximo curso escolar pola concellería".
Fan estas aclaracións para deixar claro que ningún dos directores presentes dixo afirmacións que logo Tino Fernández trasladou á prensa en relación coa Consellería de Educación. Os directores citan como exemplo que nunca saíu daquela reunión a conclusión "acusan a Educación de abandonar los colegios "a su suerte" y convertirlos en "bombas de relojería"".
Segundo aclaran, cada director enumerou as necesidades de arranxos e mantemento que serían necesarios parte do Concello e todas as direccións asistentes fixeron fincapé na necesidade de máis limpeza nos centros educativos, non xa pola Covid-19, que aclaran que "non sabemos aínda como será resolto polo concello", senón de xeito habitual.
Todas as cuestións que puxeron sobre a mesa se referían, segundo aclaran, a temas e posibles solucións en base ás posibilidades de mantemento do Concello.
Ademais, critican que o concelleiro non lles dixo que faría declaracións aos medios de comunicación e que estas serían unhas palabras que "pouco ou nada reflicten o contido e o enfoque" de dita videoconferencia, senón que "máis ben denotan enfrontamentos políticos con outras administracións" nas que os directores dos centros "non teñen nin queren ter nada que ver".
"Rexeitamos totalmente a utilización que fixo do encontro", insisten os directores, que aseguran que agora se atopan nunha "postura de desencanto e de desilusión" ante a súa "pouco honesta actitude fronte ao noso colectivo".
O escrito está asinado polos directores dos colexios Campolongo, Fina Casalderrei, Verducido, A Xunqueira II, Marcos da Portela, A Xunqueira, A Carballeira, Vilaverde Mourente, Álvarez Limeses, Manuel Vidal Portela, Froebel, Barcelos, Cabanas, Santo André de Xeve, Ponte Sampaio, Marcón, CEE Pontevedra e San Martiño.