Acusan a Educación de abandonar os colexios "á súa sorte" e convertelos en "bombas de reloxería"
Por Redacción
Os colexios non contan, polo momento, cunhas directrices "claras" de seguridade e protección contra a COVID-19, algo que segundo o edil de Educación, Tino Fernández, é unha mostra de que a Xunta de Galicia abandonou as comunidades educativas "á súa sorte".
Esta "situación de incerteza" e a "falta de planificación" que Fernández aprecia nas autoridades educativas galegas fai que os colexios "non saiban como enfrontarse" á reapertura dos centros escolares, unha situación que ameaza con converter os centros en "bombas de reloxería".
O edil socialista rógalle ao goberno de Núñez Feijóo que "asuma dunha vez" as súas competencias en materia educativa e facilite un protocolo "ben definido" para que os colexios poidan planificar os traballos de limpeza e desinfección.
Así o esixiu o responsable municipal de Educación tras manter unha reunión virtual cos equipos directivos dos vinte centros públicos de Infantil e Primaria da cidade, organizada para coñecer as actuacións de mantemento e conservación demandadas polos colexios.
O obxectivo deste encontro era o de trazar un plan de obras prioritarias que permita axudar, dentro das competencias do Concello, "a que todo estea nas mellores condicións posibles cando comecen as clases", sinalou Tino Fernández.
Aos directores dos centros, segundo Fernández, "inquiétalles moitísimo" cuestións como a coordinación das horas de entrada e saída dos alumnos aos colexios, a dotación de dispensadores de xel hidroalcohólico ou as limitacións de espazo nas súas instalacións.
Con respecto ao servizo de limpeza que depende do Concello, o edil de Educación avanzou que se mellorará o actual sistema "na medida do posible" dentro do prego de condicións do novo contrato que se está a tramitar actualmente.
Relacionadas:
-
Critican que Tino Fernández fixo un uso "parcial" dunha reunión cos directores dos colexios pontevedreses
Por Redacción |
-
O verán chegará con obras en 20 colexios públicos de Pontevedra
Por Redacción |
-
"Non solicitou a autorización para montar as ludotecas", resposta de Educación ás criticas do Concello
Por Redacción |
-
Tino Fernández acusa á Xunta de xogar coa conciliación de máis de 2.000 familias boicoteando as ludotecas
Por Redacción |