Veciños anónimos doan un piano de comezos do século XX, unha trompa e unha colección bibliográfica á Escola de Música de Caldas
Por Redacción
Tres veciños de Caldas de Reis acaban de facer tres importantes doazóns que enriquecen os fondos instrumentais e bibliográficos da Escola Municipal de Música.
Segundo a información facilitada polo Concello de Caldas, en todos os casos, as persoas doantes prefiren permanecer no anonimato. Pese a todo, e sen dar a coñecer a súa identidade, a concelleira de Cultura, María López, quixo transmitirlles o agradecemento público en nome da Escola e de toda a cidadanía de Caldas por "un xesto solidario que nos causa gran ilusión e que fai que o proxecto das ensinanzas musicais en Caldas de Reis non pare de crecer".
A primeira doazón é un piano vertical de madeira en cor marrón e negra da emblemática marca inglesa 'Joseph Wallis and Son LMTD'. Trátase dun instrumento de comezos do século XX, polo que tamén garda un relevante valor histórico. Foi entregado acompañado dunha banqueta fabricada tamén en madeira e tapizada en tea. A doazón foi en agradecemento ao trato e formación que recibiron na Escola de Música varios membros da familia do doante.
A seguinte doazón foi unha trompa, instrumento fabricado integramente en metal cunha gran delicadeza que ten no mercado un importante custe económico.
A listaxe de doazóns complétase cunha colección bibliográfica e fonográfica sobre a historia da música.
A concelleira de Cultura destacou este xoves que, coincidindo co 25 aniversario da Escola, o vindeiro curso académico estreará as novas instalacións situadas na parroquia de Santa María ,que tamén servirán para acoller outros usos institucionais ademais dos musicais.
O proxecto tivo un orzamento dun millón de euros e está financiado principalmente pola Deputación de Pontevedra. Os autores son os arquitectos Santiago Domínguez Fernández e Silja Molist López, con Santiago Domínguez Baltar como director de obra.
O prazo de reserva de praza para os alumnos que se matriculen por primeira vez de cara o curso 2020/2021 xa está aberto. A Escola admite nenos e nenas dende os 4 anos e sen límete de idade e imparte todas as disciplinas instrumentais: vento metal, vento madeira, corda e percusión, así como linguaxe musical, harmonía ou música en movemento. Tamén se preparan cursos de acceso ao conservatorio e se poñen en práctica os coñecementos musicais a través de diferentes conxuntos instrumentais.
O curso pasado cubríronse 180 prazas nas diferentes especialidades ofertadas.
Relacionadas:
-
Os 'populares' de Caldas critican que o inaugurado edificio da Escola de Música continúe sen rematar
Por Redacción |
-
Aberto o prazo para apuntarse á Escola Municipal de Música de Caldas, que estrea instalacións
Por Redacción |
-
O pleno de Caldas aproba o modificado do proxecto do edificio da Escola de Música
Por Redacción |