Aberto o prazo para apuntarse á Escola Municipal de Música de Caldas, que estrea instalacións
Por Redacción
Desde esta semana atópase aberto o prazo para inscribirse no próximo curso da Escola Municipal de Música de Caldas de Reis, que se iniciará o 1 de outubro. Este ano, esta Escola celebra o seu 25 aniversario e, por este motivo, estreará tamén novas instalacións no denominado Edificio Municipal da Escola de Música e outros usos institucionais. O centro sitúase na parroquia de Santa María e, a falta do mobiliario, xa se rematou a súa construción.
Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas e a concelleira de Cultura, María López Buceta visitaba este martes as instalacións acompañados polo profesorado da Escola e polo aparellador da obra.
O proxecto ten un orzamento que ascende ao millón de euros e foi financiado pola Deputación, a través do Plan de Investimentos en Equipamentos. O edificio é de volume modular coa intención de albergar diferentes actividades, ademais doutros usos formativos e tamén da administración.
Os acabados interiores, segundo o goberno local, atópanse calculados acusticamente, tanto en teitos como en paredes, para facilitar o desenvolvemento das clases sen que interfiran as distintas sesións entre si.
Esta Escola recibe a menores a partir dos 4 anos e sen límite máximo de idade para a formación musical. Impártense disciplinas instrumentais como vento metal, vento madeira, corda e percusión; ademais de linguaxe musical, harmonía, música en movemento e outras materias. Tamén se preparan cursos de acceso ao conservatorio e os estudantes forman parte da Banda de Música ou doutras agrupacións artísticas.
Durante o curso 2019/20 cubríronse 180 prazas nas distintas modalidades musicais que imparten oito profesores cunha notable presenza de estudantes maiores de idade.
Relacionadas:
-
Os 'populares' de Caldas critican que o inaugurado edificio da Escola de Música continúe sen rematar
Por Redacción |
-
Brinde final para o 25 aniversario da Escola de Música de Caldas: estrea novo edificio
Por Redacción |
-
Veciños anónimos doan un piano de comezos do século XX, unha trompa e unha colección bibliográfica á Escola de Música de Caldas
Por Redacción |
-
O pleno de Caldas aproba o modificado do proxecto do edificio da Escola de Música
Por Redacción |
-
Caldas de Reis reinicia as obras do edificio municipal da Escola de Música
Por Redacción |