"As garantías sanitarias son a prioridade da Xunta para un inicio de curso seguro e dentro da máxima normalidade posible"
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, subliña que o seu departamento está traballando para un inicio de curso seguro, con todas as garantías sanitarias e dentro da máxima normalidade posible dentro do contexto actual da Covid-19. Neste senso, a conselleira fixo fincapé na necesidade de ir vendo a evolución día a día, así como atender ás decisións das autoridades sanitarias.
"As garantías sanitarias son a prioridade da Xunta para un inicio de curso seguro e dentro da máxima normalidade posible", dixo.
Así o expresou a conselleira este xoves, durante unha visita ás instalacións do CEIP San Tomé de Cambados, onde puido comprobar in situ o plan organizativo que está levando a cabo o equipo directivo deste colexio de acordo co Protocolo de adaptación ao contexto da covid 19 nos centros de Ensino non Universitario de Galicia para o curso 2020-2021, elaborado polas Consellerías de Educación e de Sanidade.
Precisamente a conselleira lembrou que o propio Protocolo xa especifica que todas as medidas nel recollidas poden ser obxecto de revisión continua en función da evolución do risco sanitario e das decisións que adopten as autoridades sanitarias autonómicas e estatais. Polo tanto estas medidas iranse actualizando cando sexa necesario, se os cambios na situación epidemiolóxica así o requiren e sempre seguindo as indicacións das autoridades sanitarias.
Así mesmo, Pomar anunciou que como medida de reforzo de espazos e persoal docente, o sistema público galego contará con 158 unidades (grupos de clase) máis nas etapas de Infantil, Primaria e ESO, así como con 240 novos mestres que se incorporarán a partir de setembro. Precisamente unha desas unidades novas que se habilitan será para o CEIP San Tomé, que o vindeiro curso pasará a ter unha aula e máis en 3º curso de Primaria.
A conselleira insistiu en lanzar unha mensaxe de tranquilidade, ao tempo que loou a implicación dos equipos directivos no deseño da organización a nivel de centros.
Relacionadas:
-
A volta ao cole comeza con advertencias de folga contra o protocolo da Xunta
Por Redacción |
-
A Residencia de Estudantes de Afundación comezará o curso coas prazas cubertas e seguindo o protocolo sanitario
Por Redacción |
-
Desacordo na corporación municipal de Marín sobre as medidas para garantir o inicio do curso escolar
Por Oskar Viéitez |
-
"Sentimos unha enorme preocupación polo novo curso e a incorporación do alumnado e profesorado ás aulas"
Por Redacción |
-
Amplo apoio da cidadanía á concentración convocada da Anpa do CEIP de Campo Lameiro contra o recorte de profesorado
Por Redacción |
-
A Consellería analiza a volta ás aulas no colexio de Campolongo e na escola infantil Crespo Rivas
Por Oskar Viéitez |