Amplo apoio da cidadanía á concentración convocada da Anpa do CEIP de Campo Lameiro contra o recorte de profesorado
Por Redacción
Numerosas persoas e escolares de Campo Lameiro concentrábanse na tarde deste mércores 12 no patio de acceso ao CEIP Pedro Antonio Cerviño respondendo á convocatoria do ANPA San Miguel. Con esta concentración querían mostrar a súa desconformidade coa intención da Consellería de Educación de reducir en dous docentes o número de integrantes do profesorado do centro educativo de Campo Lameiro.
O alcalde Carlos Costa e a práctica totalidade da corporación municipal sumábase a esta protesta, ademais de representantes de colectivos veciñais, sociais e culturais. A eles tamén se sumaba o sacerdote das seis parroquias da zona que quixo formar parte da concentración.
Os escolares participaron elaborando carteis reclamando a igualdade de dereitos á educación dos menores que residen no rural cos das cidades. Durante a protesta mantivéronse as medidas de seguridade sanitarias portando máscaras de protección e gardando as distancias sociais. Os integrantes da ANPA San Miguel tamén ofreceron xel hidroalcohólico a cada persoa que se achegou ata a entrada do centro educativo.
Desde o ANPA San Miguel reclámase o diálogo á Xefatura Provincial de Educación, que lidera César Pérez Ares. Solicitan que se dea marcha á intención de reducir o persoal docente o próximo curso.
O colectivo afirma que continuará coas protestas mentres non se garanta por parte da Xunta a presenza dun profesor máis no cadro de persoal do colexio.
Relacionadas:
-
O PSOE presenta unha proposición no Parlamento para que se manteña o cadro de profesores en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Tino Fernández insta a Feijóo a buscar "xa" un acordo co Concello para a limpeza dos colexios
Por Redacción |
-
"As garantías sanitarias son a prioridade da Xunta para un inicio de curso seguro e dentro da máxima normalidade posible"
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan unha protesta para reclamar máis profesorado no CEIP Pedro Antonio Cerviño de Campo Lameiro
Por Redacción |