A Residencia de Estudantes de Afundación comezará o curso coas prazas cubertas e seguindo o protocolo sanitario
Por Redacción
A Residencia de Estudantes de Pontevedra de Afundación, a Obra Social de ABANCA, comezará o novo curso 2020-2021 con todas as súas prazas cubertas e con lista de agarda. As instalacións contan este ano con 120 prazas, que acollerán os estudantes desde o vindeiro 15 de setembro ata a finalización do curso académico, o 15 de xuño de 2021.
As novas circunstancias, a raíz das medidas necesarias ante a COVID-19, motivaron a implantación dun novo protocolo sanitario enfocado a previr e a conter os riscos de contaxio. Así, por exemplo, establecéronse franxas horarias máis amplas para o comedor, co propósito de favorecer a distribución por quendas, fixouse o uso obrigatorio de máscaras en todas as zonas comúns e habilitáronse puntos estratéxicos de hixiene e desinfección.
Así mesmo, destinouse unha área específica de illamento en casos de detección de coronavirus, en consonancia coas medidas que desde a Consellería de Educación se trasladou aos centros no protocolo de actuación para este curso 2020-2021.
A Residencia de Estudantes Afundación de Pontevedra, inaugurada en 1969 na avenida de Vigo, aloxou desde a súa apertura a máis de 6000 mozas e mozos das facultades e escolas universitarias do campus de Pontevedra, centros de formación profesional e estudantes doutros países que cursan actualmente algún programa en IESIDE. Nos meses de verán proporciona aloxamento a residentes que preparan os seus exames de setembro, clubs deportivos, campamentos de verán ou asociacións sen ánimo de lucro, entre outros.
Relacionadas:
-
"As garantías sanitarias son a prioridade da Xunta para un inicio de curso seguro e dentro da máxima normalidade posible"
Por Oskar Viéitez |
-
As federacións de ANPAS emprazan á Xunta a dialogar con urxencia para manter os comedores escolares
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Nervios, calor, medidas de hixiene e distancia social: así comezou unha atípica 'selectividade'
Por Redacción & Mónica Patxot |