Moldes pide ao Concello de Poio que garanta a cobertura dos bombeiros "antes de que sexa demasiado tarde"
Por Redacción
Unha vez máis un incendio en Poio, concretamente en San Salvador, avivou a polémica sobre a xestión das emerxencias no municipio.
O portavoz do Partido Popular local, Ángel Moldes, visitou a rúa Oliveira, onde pola noite un incendio calcinou dous turismos aparcados e tamén colectores de lixo.
Moldes lamentou que o lume tivese que ser sufocado polos Bombeiros do Salnés e do GES de Sanxenxo, que tardaron unha media hora en atender a emerxencia tendo o Parque de Bombeiros municipal de Pontevedra a menos dun quilómetro de distancia.
Neste sentido o líder do PP de Poio pídelle ao Concello que garanta un servizo "digno" para as emerxencias "antes de que sexa demasiado tarde".
Para Ángel Moldes a responsabilidade nos municipios de menos de 20.000 habitantes é exclusiva da administración local, e en caso de non poder asumila, da Deputación, polo que "non lle poden botar a culpa a ningunha outra administración", sinalou pedindo que se peche un acordo canto antes para mellorar o servizo.
"Xa tivemos demasiados avisos. Non pode ser que cada vez que haxa unha emerxencia teñan que vir bombeiros de Sanxenxo ou de Ribadumia, que tardan 30 minutos, cando os bombeiros de Pontevedra non tardarían nin cinco minutos, por motivos puramente políticos", reiterou o representante popular defendendo os plans do goberno autonómico de comarcalización dos parques de bombeiros, un proxecto que segundo o portavoz do PP en Pontevedra bloquea a administración provincial.
Relacionadas:
-
O Concello de Poio ofrece a vía do diálogo á Asociación Veciñal de San Salvador para expoñer as súas queixas
Por Redacción |
-
O PP pide á Deputación que negocie a "fundamental" comarcalización do parque de bombeiros de Pontevedra
Por Redacción |
-
A parroquia de San Salvador recollerá firmas para demandar solución ao ilóxico servizo de Bombeiros
Por Redacción |
-
Un incendio calcina dous colectores de lixo e dous turismos aparcados en Poio
Por Redacción |