Cerdedo-Cotobade habilita unha liña de axuda de 26.000 euros para actividades educativas e deportivas
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade anunciou a apertura da liña de axudas para o impulso ás actividades educativas e deportivas correspondentes ao presente ano 2020.
Estas axudas financiaranse cunha partida orzamentaria de 26.000 euros, e están dirixidas aos centros de ensino públicos do municipio para o desenvolvemento de actividades extraescolares, así como ás Asociacións de Nais e Pais (Anpas) para eventos que cumpran os criterios formativos e relativos ao ensino.
Estas subvencións oriéntanse tamén a clubs federados que estean inscritos no rexistro municipal de Cerdedo-Cotobade, os deportistas individuais ou de probas de motor que estean federados e as asociacións municipais que realicen as súas actividades baixo a modalidade de escolas deportivas.
En concreto a partida destinada a centros de ensino será de 6.000 euros, mentres que para clubs e deportistas dispoñerase de 19.800 euros.
Respecto diso desta medida, o alcalde Jorge Cubela sinalou que "nesta ocasión optamos por unha liña continuista nestas axudas con respecto a anos anteriores porque están a funcionar razoablemente ben e porque cremos que é imprescindible apoiar e financiar estas actividades para seguir dinamizando a educación e o deporte no noso concello".