A devoción por San Bieito vence ao medo polo coronavirus
Por Redacción & Cristina Saiz
O coronavirus non impediu que centos de pontevedreses renovasen este sábado a súa devoción por San Benitiño. Esta romaría popular, que tradicionalmente supón o arranque das Festas de Verán de Pontevedra, celebrouse iso si con moitas restricións.
Así, o acceso ao templo estivo limitado a 125 persoas -regulado por tres vixiantes- e entre as misas, que se celebraron cada hora, voluntarios da parroquia desinfectaron os asentos.
Para asistir á misa e visitar ao santo era obrigatorio o uso de máscara, os bancos contaron con sinais para que os asistentes mantivesen a distancia interpersoal de 1,5 metros e colocáronse dispensadores de xel no interior do mosteiro.
Ademais de protexer a talla de San Benito cun plástico para evitar contagios, impediuse a venda de todo tipo de produtos, a excepción do tradicional aceite que se puido adquirir nunhas dependencias próximas ao templo.
Nas inmediacións do mosteiro non faltou o polbo, que se serviu nunhas carpas que, ademais de protexer aos asistentes do sol e da calor, contaban tamén cun estrito protocolo de seguridade, limpeza e desinfección.
O que si sucumbiu á actual situación sanitaria foi a vertente máis lúdica desta romaría, organizada polo Concello de Pontevedra.
O goberno municipal entendía que non se daban as condicións para organizar, nas inmediacións da praia fluvial, a tradicional comida popular a base de mexillóns e empanadas. Tampouco se organizou a verbena nocturna de todos os anos.
A este respecto, o Concello só mantivo as dianas e alboradas, con pasarrúas de grupos tradicionais que actuaron ao longo de toda a xornada de maneira itinerante para evitar aglomeracións do público nun mesmo punto.