Bará leva a campaña ás portas de Abanca e pide a devolución das comisións de mantemento "abusivas"
Por Redacción
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra para as eleccións autonómicas do 12 de xullo, Luís Bará, levou este luns a campaña electoral ás portas da oficina central de Abanca na cidade do Lérez para esixir á entidade bancaria a devolución das "abusivas" comisións de mantemento que está a cobrar.
Bará defendeu que o BNG está "radicalmente en contra" destas prácticas, que afectan fundamentalmente a pensionistas, persoas autónomas e persoas traballadoras, moitas delas en situación de ERTE. Trátase de 50 euros de comisión de mantemento por semestre, cantidade que ve "totalmente abusiva" e máis nun momento tan delicado como o actual no que se están a sufrir as consecuencias económicas da pandemia da Covid-19.
O cabeza de lista do BNG anunciou que defenderá a devolución das comisións abusivas e tamén a devolución do rescate de Abanca para crear unha banca pública galega que tería dous obxectivos principais: fomentar e financiar obra pública e de interese social e impulsar o tecido produtivo e a actividade industrial participando en sectores económicos e empresas estratéxicos para o país.
"O BNG quere un banco público e o PP protexe e beneficia á banca privada que foi desmantelada e resultado da desfeita das caixas que é responsabilidade directa do señor Núñez Feijóo", demandou Bará, que tamén lembrou que Abanca foi rescatada con 9.000 millóns de euros de diñeiro público e "malvendida" por mil millóns que a empresa xa recuperou no primeiro ano.
Acompañado do tamén candidato Manuel Lourenzo e doutros cargos orgánicos e institucionais do BNG, Bará destacou esta banca pública galega permitiría achegar liquidez en momentos críticos como o actual, ao tempo que sería o motor financeiro para o tecido produtivo galego, en especial as PEMEs, e permitiría orientar o financiamento cara a proxectos estratéxicos na reorientación do tecido produtivo.
Bará destacou que para poñer todas estas iniciativas en marcha é preciso un cambio galego nas eleccións do 12 de xullo, convertendo á candidata do BNG, Ana Pontón, en presidenta e facendo historia. Para logralo, fixo un chamamento a que é precisa a mobilización do voto e destacou que ninguén que non estea satisfeito coas políticas actuais do PP pode quedar na casa.
Relacionadas:
-
Ana Pontón inspírase no ‘modelo Pontevedra’ para a nova Xunta e para unha Galicia que se "anticipe aos cambios que necesita"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O BNG aplicará dende a Xunta cláusulas de "quilómetro cero" na contratación pública
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
Luís Bará apela á mobilización da comarca de Pontevedra para conseguir o cambio político na Xunta
Por Redacción |
-
O BNG esixe un operativo de repatriación para os mariñeiros galegos que faenan en caladoiros internacionais
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG comprométese a poñer fin a discriminación do rural e vixiar o bo uso dos fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Bará márcase como obxectivo mobilizar 700.000 persoas indecisas para lograr que Ana Pontón sexa presidenta da Xunta
Por Redacción |
-
Bará pide en Bueu o apoio para o BNG de Ana Pontón como a única esperanza para o voto galeguista
Por Redacción |
-
Bará chama a frear as privatizacións e apostar por unha sanidade pública "universal e gratuíta"
Por Redacción |