O BNG aplicará dende a Xunta cláusulas de "quilómetro cero" na contratación pública
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O cabeza de lista do BNG pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, asegurou este sábado que o BNG favorecerá dende a Xunta ás empresas galegas na contratación pública creando fórmulas administrativas e cláusulas que primarán ás firmas de proximidade.
Segundo dixo Bará é imprescindible apostar pola actividade económica de quilómetro cero, algo que xa era importante antes, pero que o é moito máis agora coa crise da COVID-19, "na que se puxo de manifesto a importancia de primar o local, o próximo, a produción de alimentos e bens no país", subliñou.
Nun encontro con alcaldes e representantes das corporacións de Pontevedra, Poio, Barro e Vilaboa (Miguel Anxo Fernández Lores, Anabel Gulías, Demetrio Gómez, Nito Sobral, Marga Caldas, Iván Bello e Ornela Fernández) o cabeza de lista destacou que hai unha lexislación de carácter europeo e tamén estatal que prima ás grandes empresas e multinacionais baixo o pretexto da transparencia, pero tamén hai a posibilidade de que se habiliten fórmulas para contratar empresas de proximidade e quilómetro cero.
Por iso, explicou, o BNG propón modificar a Lei de Contratos do sector público e introducir instrumentos que favorezan a contratación de empresas galegas ou enraizadas en Galiza e que os seus subministros tanto de bens e produtos como de servizos se realicen dentro do territorio, "xa que iso permitirá tamén que se reparta a riqueza, que se xere actividade e emprego no territorio, neste caso en Galiza".
Bará puxo como exemplo de empresas de ‘quilómetro cero’ a Setga, unha firma pontevedresa que está a gañar concursos internacionais e que se subministra de todos os produtos que precisa na súa contorna, nun ámbito de 50 quilómetros. "Nós temos capacidade, competitividade e innovación para competir nos mercados internacionais, pero temos que ter tamén instrumentos administrativos e de contratación para favorecer ás empresas locais, mediante cláusulas sociais, lingüísticas, e ambientais, que son tamén un reto neste momento onde hai que hai que apostar polo local, polo próximo e por empresas que coidan e garanten os dereitos sociais e o medio ambiente", subliñou.
Por outra parte, o cabeza de lista propuxo a creación dunha nova Lei de Financiamento Local para realizar un reparto xusto e igualitario dos fondos autonómicos entre os concellos galegos. O nacionalista destacou que é preciso crear un Fondo Único que aglutine os recursos do goberno galego en materia de cooperación cos concellos e reducir as subvencións "discrecionais e partidistas actuais".
Avogou tamén por un novo sistema de financiamento municipal dos cartos estatais para rematar coa discriminación dos concellos galegos, que reciben unhas 50 euros de media menos que o resto de municipios do Estado. Así mesmo, subliñou que o BNG "presionará" para que se cambie o marco legal estatal da Lei de Estabilidade Orzamentaria porque asfixia aos concellos xa que non lles permite contratar persoal, gastar os fondos dos remanentes e o superavit. "Chove sobre mollado, xa que sufrimos sistema de financiamento inxusto e discriminatorio para os concellos galegos que agora teñen menos marxe de manobra".
Relacionadas:
-
"A cultura como ben de primeira necesidade" resume a proposta do BNG para reactivar o sector
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Ana Pontón, en Pontevedra: Os galegos deben "romper a rutina" e deixar atrás a Galicia "decadente" do PP
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Bará pide aos indecisos concentrar no Bloque o voto "da ilusión" por ser "a alternativa real ao PP"
Por Oskar Viéitez |
-
Luís Bará apela á mobilización da comarca de Pontevedra para conseguir o cambio político na Xunta
Por Redacción |
-
O BNG esixe un operativo de repatriación para os mariñeiros galegos que faenan en caladoiros internacionais
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG comprométese a poñer fin a discriminación do rural e vixiar o bo uso dos fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Bará leva a campaña ás portas de Abanca e pide a devolución das comisións de mantemento "abusivas"
Por Redacción |