O San Xoán máis simbólico de Marín: Cantodarea prende lume ao coronavirus
Por Redacción & Mónica Patxot
Marín converteuse durante esta pasada noite na capital do San Xoán de Galicia. Moitos concellos galegos autorizaron este ano realizar cacharelas particulares, pero as comunitarias tan só se permitiron neste municipio pontevedrés e noutro coruñés, de maneira que a expectación era máxima. E non decepcionou, pois ademais de cumprir coa tradición de plantar lume ás fogueiras, en Cantodarea, a asociación Amijos e Veciños tamén prendeu lume ao coronavirus.
Foi un acto chego de simbolismo, pois esta asociación veciñal recreou este ano ao coronavirus nunha das súas dúas cacharelas ou foleóns. Cada ano crean unha de menor tamaño para queimar ás dez da noite para público infantil e outra maior que empeza a arder á medianoite, como manda a tradición, para os maiores. Este ano, as dúas pezas foron espectaculares, un coronavirus de cinco metros na primeira quenda e un parque eólico de 13 metros na segunda.
O simbolismo da primeira das estruturas non se escapou a ninguén. Desde a asociación promotora, o seu presidente, Morgan Pérez, explicou pola mañá á Radio Galega que "este desgraciado temos que queimalo, pola nosa parte non vai quedar. A ver se o queimamos e acaba isto porque fixo moito dano a todos, moita xente morreu por culpa disto". E ás dez da noite, entre fortes medidas de seguridade, cumpriron e deixaron a imaxe máis rechamante do San Xoán 2020, o coronavirus foi desaparecendo ante a atenta mirada dun público con máscaras.
O San Xoán de Cantodarea e case unha tradición e este ano non quixeron perdela a pesar das restricións derivadas da pandemia. O coronavirus ao que prenderon lume foi unha bola de dous metros de diámetro con estrutura de madeira e recuberta cunha capa de tres metros de poliuretano, unha rede verde e canas de bambú.
O que lles fallou este ano foi a comida. Os establecementos situados nos arredores do lugar da cacharela si que serviron sardiñas, pero os promotores da fogueira non puideron porque o Concello autorizou as cacharelas, pero non que fixeran colas nin manipularan alimentos. Ademais, a autorización municipal para a festa tamén esixiu que se cumprisen outras condicións de seguridade coas que a Policía Local, Protección Civil e os organizadores se amosaron moi estritos.
Desta maneira, creouse un cordón de seguridade interior para que o público non se achegase a dous metros das cacharelas e outro exterior a dez metros no que si se permitiu acceder á xente, pero controlando que todos levaran máscara e que utilizaran un circuito de entrada e saída diferenciada para evitar aglomeracións. A aqueles que non levaban a máscara, entregáronlle unha.
En xeral, en todo o municipio, o Concello de Marín estableceu medidas de prevención e seguridade recollidas. No cento de fogueiras individuais que se prenderon á medianoite pediuse "responsabilidade individual" e para as colectivas, entre elas a de Cantodarea, esixiuse habilitar unha contorna delimitada, crear unha entrada e unha saída diferenciadas, cumprir o distanciamento físico entre persoas, o uso obrigado de máscaras e aforo limitado.
Todo estivo controlado pola Policía Local, que este mércores asegurou a PontevedraViva que non se produciron incidentes de ningún tipo vencellados ás cacharelas.
Relacionadas:
-
Últimos días para solicitar fogueiras para San Xoán en Marín, que xa leva 40 máis que o ano pasado
Por Redacción |
-
100 fogueiras iluminarán Marín a noite de San Xoán
Por Redacción |
-
Detido por trapichear con droga en Marín durante a noite de San Xoán
Por Redacción |
-
Moito control e ningún incidente nas 109 cacharelas de San Xoán de Pontevedra
Por Redacción |