O Camiño de Santiago e a perspectiva de xénero, unidas na campaña de Caldas "Camiñando cara a igualdade"
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis, a través da concellería de Benestar Social e Igualdade, puxo en marcha unha nova campaña de sensibilización a prol da igualdade entre homes e mulleres que conxuga a ambientación urbana e decoración, o Camiño de Santiago e a perspectiva de xénero.
A iniciativa, segundo informaron dende o Concello, desenvólvese nas rúas Real, Fornos e Laureano Salgado, que foron decoradas con motivos de cores para embelecer, alegrar e causar impacto nos viandantes ao seu paso polo centro de Caldas, por onde discorre o Camiño Portugués.
A concelleira de Igualdade, Inés Fuentes, explicou que esta acción visibilizadora se desenvolve co financiamento do Ministerio de Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero ao que se acolle o Concello de Caldas de Reis para o Período 2019-2020.
Dentro deste acordo contémplase a organización de campañas de sensibilización e prevención de calquera forma de violencia contra as mulleres e a elaboración de materiais para ofrecer información en materia de violencia contra a muller.
"Neste caso", explicou a concelleira, "pensamos nunha conxunción que xoga no Camiño de Santiago, tan importante para Caldas, coa mensaxe de facer camiño cara a igualdade". "Queremos causar impacto visual nos viandantes, humanizar e dar cor e alegría ás rúas, pero, sobre todo, espertar as emocións da cidadanía coas mensaxes e escenografías de sensibilización para concienciar sobre a igualdade", sinalou.
Paralelamente, a decoración funciona como reclamo a veciños e visitantes pola súa singularidade, o que produce unha maior visibilización destas rúas tan senlleiras e vai contribuír a dinamizar o comercio local e invitar a pasear polo centro urbano. A ornamentación permanecerá colocada ata finais de setembro, de xeito que será atractivo e distintivo do centro de Caldas durante todo o verán.
Finalmente, Fuentes adiantou que, nos próximos días, se presentará unha nova acción en materia da igualdade de similar natureza e creatividade na que se integrará o Concello e a Asociación de Empresarios da Hostalería de Caldas.
Relacionadas:
-
'A Biblio volve ao xardín' no Botánico de Caldas de Reis en setembro
Por Redacción |
-
250 troncos de cores nas prazas de Caldas para sensibilizar á poboación coa campaña 'Camiñando cara a igualdade'
Por Redacción |
-
Caldas de Reis estrea a nova imaxe da fonte das Palmeiras
Por Redacción |
-
Caldas de Reis mellorará os servizos na Rúa Real
Por Redacción |
-
As mulleres no sector primario, imaxe escollida pola Deputación para promover o produto local
Por Redacción |
-
Pontevedra encherase de plumas e flores coa bandeira do Orgullo LGTBIQ+ para dicir "non á plumofobia"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Dous proxectos da ría de Pontevedra, recoñecidos polas súas boas prácticas en igualdade
Por Redacción |