Caldas de Reis estrea a nova imaxe da fonte das Palmeiras
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis luce, desde este venres, unha réplica do farol modernista da Fonte das Palmeiras.
Para iso, segundo informaron dende o Concello, realizáronse traballos de substitución e mellora das instalacións e do granito, culminando así as obras de restauración deste elemento referente do complexo da Praza das Palmeiras.
Trátase dun fonte farol de estilo tardo-historicista e está inventariada no Catálogo do Patrimonio Cultural de Caldas de Reis. Ten dous tanques xemelgos e esculpidas as letras 'CR' (en referencia a Caldas de Reis), así como o escudo do municipio e o ano de construción, 1920, polo que cumpre este ano o seu cen aniversario.
A acción de restauración forma parte do programa municipal Fontes do Camiño mediante o que o Concello está a recuperar todas as fontes históricas que se atopan ao longo do Camiño de Santiago no termo municipal de Caldas de Reis e co que xa se rehabilitaron a Fonte da Burga (1881), a Fonte da Praza de Abastos (1929) e a Fonte do Campo da Torre (1861), mentres que a Fonte de Tibo (1880) está programada para os vindeiros meses.
Os traballos de restauración afectaron aos diferentes elementos e patoloxías identificados no proxecto elaborado polo arquitecto Luis Gil Pita que xa dirixiu as obras de restauración anteriores das outras fontes de Caldas.
Deste xeito, levouse a cabo a limpeza en seco das xuntas de cantería de granito, a eliminación manual da costra bioxénica mediante tratamento biocida, o saneado e achado da fábrica de cachotería, o enxerto de molduras de granito e a restauración da cantería desaparecida. Tamén se substituíron as tubaxes de latón e restauraranse as barras de ferro, ademais de renovárense as instalacións eléctricas e de fontanería.
Pola súa banda, o novo farol fabricouse artesanalmente mediante técnicas de restitución fotogramétricas, reconstiuindo fielmente as dimensións e as características dos tres brazos orixinais, así como as correspondentes lámpadas.
Isto permitiu recuperar a volumetría orixinal e a lixeireza deste elemento patrimonial, así como a súa dobre función como fonte e farol. A iluminación prodúcese con diodos LED de luz cálida e 40W, simulando luz incandescente da época.
A actuación tivo un orzamento total de 22.937,68 euros e foi subvencionada pola Deputación de Pontevedra a través do programa de rehabilitación do patrimonio cultural histórico. As obras foron realizadas polo restaurador Guillermo Rodríguez e deron comezo en marzo, aínda que se viron paralizadas durante varias semanas por mor da pandemia da COVID-19.
Relacionadas:
-
En marcha a restauración da fonte dos Catro Canos en Tivo
Por Redacción |
-
Caldas de Reis é elixida entre os dez destinos máis acolledores de España
Por Redacción |
-
Caldas volve recibir peregrinos e reabre os aloxamentos ao 100%
Por Redacción |
-
O Camiño de Santiago e a perspectiva de xénero, unidas na campaña de Caldas "Camiñando cara a igualdade"
Por Redacción |