O núcleo de Ferreirós terá o primeiro centro composteiro comunitario de Poio
Por Redacción
A rúa Rosalía de Castro, situada na contorna de Ferreirós, na parroquia de San Salvador, é o emprazamento elixido para acoller o primeiro centro comunitario de compostaxe co que contará o Concello de Poio.
A súa instalación forma parte do plan impulsado pola administración municipal para fomentar esta práctica, o que supón numerosas vantaxes desde o punto de vista económico e ambiental.
As tarefas iniciáronse ao longo desta semana e está previsto que o centro poida comezar a utilizarse ao longo deste mes de xuño, aseguran dende o Concello.
Para poder facer realidade esta transición do modelo de xestión da fracción orgánica, o Concello adheriuse en 2019 ao Plan Revitaliza, creado pola Deputación de Pontevedra, e conta cun técnico de medio ambiente e un mestre composteiro, que será a persoa encargada de xestionar o uso do dispositivo comunitario, así como do seu mantemento e de achegar información á veciñanza sobre a súa utilización e beneficios.
Así mesmo, a intención do goberno municipal a medio prazo, será habilitar 15 centros comunitarios de compostaxe en todo o termo municipal, que tamén se emprazarían en lugares de visibilidade.
Dende o Concello consideran que esta ferramenta pode axudar a cambiar hábitos nos cidadáns para que se afagan á separación da fracción orgánica, facendo unha redución drástica da cantidade de restos de materia orgánica dos residuos sólidos urbanos con destino á incineración, o que suporá unha redución de custes no tratamento do lixo, un incremento da fertilidade do chan, a redución do emprego de fertilizantes químicos e pesticidas e un aumento da retención de auga.
A tenente de alcalde e concelleira responsable de Servizos, Chelo Besada, lembra que desde o ano 2011 repartíronse preto de 350 composteiros individuais, que poden seguir solicitándose a través da páxina web municipal.
Pola súa banda, o goberno local, formado por BNG, PSOE e Avante Poio, aposta por continuar facilitando o uso destes dispositivos nas vivendas do rural, especialmente nas parroquias de Raxó, Samieira e Combarro, para conseguir reducir a cantidade de residuos orgánicos producidos por preto de 2.500 persoas.
"A xente debe ter en conta que, ademais dos beneficios ambientais, este tratamento tamén redundará nunha redución no recibo do lixo", salienta Besada.
Por último, o Concello recorda que segue apostando por facilitar fórmulas de formación para a veciñanza, achegándolles os coñecementos necesarios para a realización de todas as fases da compostaxe, os tipos de usos do compost e as vantaxes da súa produción.
Relacionadas:
-
O primeiro centro de compostaxe comunitario de Poio xa está en funcionamento
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio quere habilitar 15 centros comunitarios de compostaxe en todo o termo municipal
Por Redacción |
-
A carpa do Revitaliza chega a Bueu para informar sobre compostaxe doméstica e comunitaria
Por Redacción |
-
Os artistas locais serán os protagonistas das festas de San Xoán de Poio
Por Redacción |
-
Un pleno extraordinario aprobará a bonificación total do recibo do lixo dos comercios inactivos durante o confinamento
Por Redacción |
-
A Escola de Capataces de Lourizán apúntase á compostaxe coa instalación dun centro comunitario
Por Redacción |
-
Activan as visitas para a instalación de composteiros individuais no rural pontevedrés
Por Redacción |