Activan as visitas para a instalación de composteiros individuais no rural pontevedrés
Por Redacción
O decreto de estado de alarma paralizou a instalación de composteiros individuais no rural de Pontevedra, dentro dunha iniciativa que puxera en marcha o Concello de Pontevedra.
Agora, o goberno local anunciou que retomará este proxecto activando a principios de semana as visitas para a instalación destes composteiros en vivendas unifamiliares.
Os técnicos de Fruga, a entidade encargada da repartición e instalación visitarán aqueles domicilios nos que xa entregaran o composteiro pero que aínda non fora posible proceder á súa instalación antes do estado de alarma.
Para realizar estas visitas, o persoal técnico irá provisto de equipos de seguridade e actuará de acordo coas normas esixidas para garantir a saúde tanto dos propios técnicos como dos veciños.
Co inicio do estado de alarma, quedaran pendentes de instalación o 90% dos composteiros repartidos na parroquia de Alba e o 50% dos repartidos en Lérez.
"O tratamento dos bioresiduos cobra nestes momentos unha especial relevancia", sinalou respecto diso o concelleiro Raimundo González, responsable da xestión de residuos orgánicos.
O programa de instalación deste modelo de xestión de residuos inclúe ademais da formación aos veciños, un acompañamento de dous anos, de maneira que técnicos fan un seguimento en todas as vivendas para comprobar que os parámetros do proceso son correctos en cuestións relativas a temperaturas, ausencia de insectos ou incidentes puntuais.
Para esta campaña, o Concello de Pontevedra adquiriu no seu momento 8.000 composteiros individuais para repartir entre as 15 parroquias do rural.
Relacionadas:
-
Xa se poden empregar os novos composteiros da Parda e de Valdecorvos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Novo avance da compostaxe comunitaria: chega ao barrio de Campolongo
Por Natalia Puga |
-
O núcleo de Ferreirós terá o primeiro centro composteiro comunitario de Poio
Por Redacción |
-
Pontevedra reciclou en 2019 máis de 3.000 toneladas de residuos, o maior dato en oito anos
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello confía en ter despregados composteiros por todo o rural cara finais de 2020
Por Alejandro Espiño |
-
O plan de compostaxe individual desembarca en Tomeza, primeira parada para chegar a todo o rural
Por Redacción |