O Concello de Poio quere habilitar 15 centros comunitarios de compostaxe en todo o termo municipal
Por Redacción
O Concello de Poio impulsa unha campaña informativa que se enmarca dentro da súa folla de ruta para continuar implantando e consolidando a compostaxe no municipio. Neste caso, a Concellería de Obras e Servizos comezará a remitir nos vindeiros días cartas aos veciños que residen na contorna de Ferreirós, en San Salvador de Poio, para trasladarlles toda a información que ten que ver co funcionamento do novo Centro de Compostaxe Comunitario (CCC) que se habilitará proximamente na Rúa Rosalía de Castro, ao abeiro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.
A Administración local repartirá unas 300 misivas aproximadamente, ademais doutros tantos trípticos, nos que se inclúe unha detallada explicación das vantaxes que ofrece este proceso, ademais de explicar o seu funcionamento e cales son os restos que se poden someter a esta práctica. Na carta, firmada pola concelleira de Obras e tenente de alcalde, Chelo Besada, faise fincapé na importancia de implicar á veciñanza neste plan, a fin de "seguir mellorando na separación e reciclaxe e conseguir que o noso concello sexa máis eficiente a nivel económico e medioambiental na xestión dos residuos".
Besada lembra que actualmente a materia orgánica supón preto do 50% do peso total da bolsa do lixo. Isto implica que miles de toneladas de restos orgánicos van a parar á incineración, o que supón un custe moi elevado. "Polo tanto, a eficacia na nosa xestión de residuos para a mellora ambiental a través da compostaxe tamén redundará no aspecto económico, xa que reduciría de xeito drástico o custo do tratamento de Residuos Sólidos Urbanos", indica a tenente de alcalde de Poio. Tal e como se sinala no tríptico, os restos que se poden compostar son todo tipo de froitas, froitos secos, verduras, legumes, carne, pastas, arroz, pan, lácteos, restos de comida cociñada ou papeis de cociña sen cores, entre outros.
Unha vez que a Deputación instala o composteiro comunitario na Rúa Rosalía de Castro, haberá unha mestra composteira, encargada da súa xestión e de resolver as dúbidas dos usuarios. Neste sentido, tamén se pon á disposición da veciñanza o teléfono 604025288 (en horario de 9.00 a 14.00 horas) e o correo planrevitaliza@concellopoio.gal para solicitar información.
A medio prazo, a intención do Goberno municipal é habilitar 15 Centros Comunitarios de Compostaxe en todo o termo municipal, que tamén se emprazarían en lugares de visibilidade. Esta é unha ferramenta que pode axudar a cambiar hábitos nos cidadáns, para que se afagan á separación da fracción orgánica. Entre as vantaxes da fórmula da compostaxe, destaca a redución drástica da cantidade de restos de materia orgánica dos RSU con destino a incineración, o que supón unha redución de custes no tratamento do lixo. Ademais, o compost garante un incremento da fertilidade do chan, a redución do emprego de fertilizantes químicos e pesticidas (que poden resultar contaminantes para solos e manantiais) e logra un aumento da retención de auga.
Chelo Besada lembra que "desde o ano 2011 repartíronse preto de 350 composteiros individuais".
No que vai de ano, o Goberno local tamén está a traballar nunha campaña de seguimento para refrescar coñecementos entre usuarios e usuarias, se ben esta folla de ruta viuse interrompida pola crise sanitaria da Covid-19. Estas unidades individuais poden solicitarse a través da páxina web municipal. O Goberno local aposta por continuar facilitando o uso destes dispositivos nas vivendas do rural, especialmente nas parroquias de Raxó, Samieira e Combarro, para conseguir reducir a cantidade de residuos orgánicos producidos por preto de 2.500 persoas. Os informes técnicos sosteñen que, instalando composteiros naquelas vivendas que dispoñan da correspondente parcela nestas tres parroquias, poderíase reducir en 521,8 toneladas as toneladas anuais, o que redundaría de xeito moi significativo no recibo do tratamento en Sogama.
Para cumprir con estes obxectivos, o Concello solicitou fondos tanto ao Ministerio de Transición Ecológica como á Consellería de Medio Ambiente. En total, a contía ascende a preto de 160.000 euros.
Relacionadas:
-
Poio instalará tres novos centros comunitarios de compostaxe no núcleo de San Salvador
Por Redacción |
-
O primeiro centro de compostaxe comunitario de Poio xa está en funcionamento
Por Oskar Viéitez |
-
Os concellos na fase 2 do Plan Revitaliza poderán cumprir este ano cos obxectivos de reciclaxe da Unión Europea
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O núcleo de Ferreirós terá o primeiro centro composteiro comunitario de Poio
Por Redacción |