O primeiro centro de compostaxe comunitario de Poio xa está en funcionamento
Por Oskar Viéitez
O primeiro Centro de Compostaxe Comunitario de Poio xa está operativo desde este mércores.
Atópase na Rúa Rosalía de Castro, en San Salvador de Poio. Desde agora, todos os veciños que o desexen poderán facer uso deste servizo, que busca fomentar a separación e recollida de residuos, obter unha maior eficacia ecolóxica e lograr a redución de custos no tratamento de restos.
Esta primeira xornada de actividade do composteiro estivo marcada pola campaña informativa, impulsada pola Deputación de Pontevedra, ao amparo do Plan Revitaliza, que, precisamente, persegue fomentar esta práctica nos concellos da provincia.
Así, dúas mestras composteiras (a do Concello e a da institución pontevedresa) estiveron nunha carpa habilitada coa colaboración da Deputación, para informar á veciñanza das vantaxes deste proceso e do seu funcionamento. Ademais, tamén se repartiron mostras de compost, folletos informativos e diferente artigos de publicitarios entre as numerosas persoas que se achegaron ata a carpa para solicitar asesoramento.
O Goberno local lembra que, a partires de agora, a mestra composteira municipal será a encargada da xestión do dispositivo e de resolver as dúbidas dos usuarios.
Neste sentido, tamén se pon á disposición da veciñanza o teléfono 604025288 (en horario de 9.00 a 14.00 horas) e o correo planrevitaliza@concellopoio.gal.
A concelleira de Obras e tenente de alcalde, Chelo Besada, lembrou que actualmente a materia orgánica supón preto do 50% do peso total da bolsa do lixo. Isto implica que miles de toneladas de restos orgánicos van a parar á incineración, o que supón un custe moi elevado.
"Polo tanto, a eficacia na nosa xestión de residuos para a mellora ambiental a través da compostaxe tamén redundará no aspecto económico, xa que reduciría de xeito drástico o custo do tratamento de Residuos Sólidos Urbanos", indica a tenente de alcalde de Poio.
Relacionadas:
-
Poio instalará tres novos centros comunitarios de compostaxe no núcleo de San Salvador
Por Redacción |
-
O Plan Revitaliza inicia o curso nos centros de ensino
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio quere habilitar 15 centros comunitarios de compostaxe en todo o termo municipal
Por Redacción |
-
Os concellos na fase 2 do Plan Revitaliza poderán cumprir este ano cos obxectivos de reciclaxe da Unión Europea
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O núcleo de Ferreirós terá o primeiro centro composteiro comunitario de Poio
Por Redacción |