20.000 euros para reforzar a seguridade de comercios e locais de hostalería de Caldas na reapertura
Por Redacción
O Plan Seguridade e Prevención para axudar comercio e hostalería posto en marcha polo Concello de Caldas para minimizar os efectos da pandemia do coronavirus supuxo xa o gasto de 20.000 euros para adquirir e repartir material de protección contra a Covid-19.
Así o deu a coñecer este xoves o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, que explicou que o Concello puxo en marcha este plan en estreita colaboración coas asociacións de comerciantes e hostaleiros do municipio co obxecto de favorecer un proceso de desescalada con todas as garantías de seguridade e así incentivar a reactivación do sector.
O Concello adquiriu dispensadores, xel hidroalcohólico desinfectante, máscaras de protección facial, máscaras, sinaléctica informativa e cintas de marcaxe e repartiuno seguindo unha das propostas consensuadas nas reunións periódicas celebradas entre o Goberno local, o sector comercial, a hostalería e os grupos da oposición durante as últimas semanas.
O alcalde destacou que dentro do plan de reactivación a prevención xoga un papel fundamental, de modo que apostaron dende o principio da desescalada por establecer un protocolo coordinado de obtención e repartición de material de seguridade entre os establecementos, para ofrecer unha reapertura con garantías de seguridade e hixiene.
O concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, tamén coincide en que "un comercio seguro evita contaxios e xera a confianza necesaria na clientela para reactivar as compras" e anunciou que os establecemento que aínda permanezan pechados poderán chamar ao Concello para solicitar o material e entregaranllo en canto reabran ao público.