O Concello pedirá á Xunta que asuma o control do Centro de Atención a Drogodependentes
Por Redacción
O Concello de Pontevedra quere que a Xunta de Galicia asuma o control do Centro de Atención a Drogodependentes da comarca que opera dende os baixos da praza Valentín García Escudero de Pontevedra. Para levalo a cabo, nas vindeiras semanas comenzará a promover reunións e encontros tanto coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) como co Servizo Galego de Saúde (Sergas).
A concelleira de Benestar Social Municipal, Carmen Fouces, explicou este xoves que "é un servizo imprescindible que repercute directamente na sociedade, e non telo sería un retroceso de 30 anos, pero o Sergas debe asumir a súa titularidade completa", dado que ata o de agora o asume unha parte importante o Concello sen que lle corresponda, ao tratarse "dunha evidente competencia puramente sanitaria, impropia do Concello de Pontevedra, e dos concellos en xeral".
Carmen Fouces explicou que este servizo está en marcha dende o ano 1992 e ao fronte está un equipo médico (psicólogos, psiquiatras, enfermeiros...) que dependen funcionamente da Subdirección Xeral de Saúde Mental do Sergas, que é quen establece os criterios de traballo no centro. E desenvolve varios programas sanitarios deseñados polo Sergas.
No ano 2012 atendeu a 871 doentes, dos cales 125 foron casos novos. De feito, o convenio polo que o Concello aceptou colaborar neste tipo de centros (que data de 1991) recolle que debe atender a doentes de 13 municipios, pero na realidade a subdirección da que depende pode derivar calquer tipo de doente, incluso de fóra da comunidade autónoma.
Fouces denunciou que dende o ano 2010 a Xunta comezou a recortar considerablemente o orzamento que destina a este centro de Pontevedra, pasando de 500.000 euros naquel momento, a 414.000 no ano 2012. E as previsións para 2013 son dun recorte dun 11% máis e asumir o pago do centro durante 15 meses, e non 12 como ata agora.
Carmen Fouces insistiu en que se trata "dun servizo imprescindible, dado que a súa eliminación suporía un gasto social máis custoso que o que custa na realidade", e o Concello de Pontevedra sempre o asumiu, por iso acordou a súa colaboración. "Pero ante esta oleada de recortes, na que o Concello deberá poñer o 40% do custo mensual do servizo, debe ser o Sergas que asuma dunha vez por todas unha competencia claramente impropia para o Concello".
Relacionadas:
-
Pontevedra insiste en transferir a Unidade de Drogodependencias á Xunta
Por Redacción |
-
Sanidade recibirá o luns ao Concello para tratar a situación da Unidade asistencial de drogas
Por Redacción |
-
Fouces denuncia que a actitude da Xunta coa Unidade de Atención ao Drogodependente "é o colmo do abuso"
Por Alejandro Espiño |
-
Denuncian un "sustantivo recorte" da Xunta na financiación da Unidade de Drogodependencias
Por Redacción |