Sanidade recibirá o luns ao Concello para tratar a situación da Unidade asistencial de drogas
Por Redacción
A concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces e o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, manterán este luns 7 de outubro, ás 10.30 horas, unha xuntanza na Consellería de Sanidade para tratar a situación da Unidade asistencial de drogas (UAD), situada na praza de Valentín García Escudero. Dende o Concello demándase á Xunta que asuma o control desta unidade que na actualidade está sendo financiada ao 50% polas arcas municipais.
Desde o goberno local recordan que a UAD atende a doentes de 13 concellos (no ano 2012 foron 871) e ao estar xestionada directamente pola Subdirección xeral de Saúde Mental do Sergas, que é a que establece os criterios de traballo na unidade, pode derivar a Pontevedra a doentes de calquera parte de Galicia e, incluso, de calquera outra comunidade.
O Concello de Pontevedra acordou no ano 1992 conveniar co Sergas a posta en funcionamento deste servizo, pero neste convenio só ten obriga de ceder as instalacións, o pago dos servizos (luz, auga, limpeza...), e a achega de 8.000 euros anuais para o seu mantemento.
No ano 2012, o Concello fixo unha achega de 123.000 euros e a previsión para 2013 é de 235.000 euros. Cos últimos recortes, o custe anual da UAD é de 414.000 euros (en 2012). Esto supón, sinalou a concelleira de Benestar Social, Carmen Fouces, que o Concello está facendo unha achega de máis do 56% do custe total da instalación.
Fouces insiste en que se trata dun servizo imprescindíble, "dado que a súa eliminación sería un gasto social máis custoso que o que custa na realidade", pero avisa que "esta situación ten un límite". Lembra que "é un centro integramente sanitario e debe ser atendido polo Sergas, especialmente tendo en conta de que se trata dunha evidente competencia impropia".
Relacionadas:
-
Falta de acordo entre Concello e Xunta pola Unidade de Atención de Drogodependencias
Por Diego Espiño |
-
Fouces denuncia que a actitude da Xunta coa Unidade de Atención ao Drogodependente "é o colmo do abuso"
Por Alejandro Espiño |
-
Denuncian un "sustantivo recorte" da Xunta na financiación da Unidade de Drogodependencias
Por Redacción |
-
O Concello pedirá á Xunta que asuma o control do Centro de Atención a Drogodependentes
Por Redacción |