Só o 1,35% da poboación da área sanitaria éstá inmunizada fronte o coronavirus, segundo o estudo do Sergas
Por Redacción
A Consellería de Sanidade fixo público este mércores as primeiras conclusións do estudo de seroprevalencia fronte ao COVID-19 que está a realizar o Servizo Galego de Saúde.
Segundo este estudo, en cuxa primeira onda participaron 44.832 persoas, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contaría cunha inmunidade fronte ao coronavirus do 1,35% da poboación, ou o que é o mesmo, estímase que 3.881 persoas contarían con anticorpos na comarca.
Nesta área recolléronse 5.305 mostras, das que só 52 resultaron positivas.
No que respecta á provincia de Pontevedra no seu conxunto a estatística sobe lixeiramente cunha seroprevalencia estimada do 1,49% (13.816 persoas), mentres que esa cifra para toda Galicia é do 1,15% da poboación, con 30.349 inmunizados.
Por provincias a porcentaxe para A Coruña é do 0,77%, para Lugo do 0,79% e para Ourense do 1,88%.
Tal e como explicou a Consellería, da base de datos de tarxeta sanitaria, por mostraxe aleatoria simple, seleccionouse unha mostra en estratos, definidos polo sexo e os tres grupos de idade de 0 a 18, de 19 a 64 e 65 a máis anos, para cada un dos sete concellos con maior poboación de Galicia e para outras 38 comarcas ou agrupacións de comarcas. En total 45 mostras independentes.
A prevalencia de inmunes aumenta coa idade, tanto en homes como en mulleres, pasando do 0,56% nos menores de 19 anos cun total de 2.196 persoas nese tramo de idade inmunizadas, ao 1,64% no grupo de 65 anos en diante, con 10.959 persoas con anticorpos.
Outra das conclusións do estudo é que a prevalencia de inmunes nas persoas que tiveron síntomas da enfermidade multiplica por catro á das persoas que non os tiveron (2,73% fronte ao 0,70%)