Pontevedra ve "elitista" regular o acceso ás praias con códigos QR
Por Alejandro Espiño
A apertura gradual das praias producirase, sempre que Galicia entre na fase 2 da desescalada, a partir do próximo 25 de maio. Con ese calendario na man, moitos comezaron a pensar en como regular o acceso aos areais. Pero, no caso de Pontevedra, o Concello opta por esperar e actuar "con sentidiño".
Así o asegurou o edil de Medio Natural, Iván Puentes, que destacou que o goberno municipal "non entrará nunha carreira para ver quen adopta a solución máis enxeñosa nin actuaremos por libre". Considera que o "fundamental" é a seguridade dos cidadáns.
Puentes entende que "a día de hoxe" existen aínda "moitas incógnitas" sobre o uso que poderemos facer das praias, xa que as autoridades sanitarias, tanto do Goberno central como da Xunta, aínda non ditaron as súas recomendacións para estes espazos naturais.
"Cando teñamos esas vimbias, estudaremos que aplicamos en Pontevedra para que os cidadáns poida utilizar praias con seguridade", destaca.
Así, entre outras cuestións apunta o concelleiro socialista, descoñécese o aforo que se permitirá nas praias ou en que condicións se deben manter as medidas de distanciamento. Unha vez se aclaren esas dúbidas, engade, "empezaremos a xestionar o uso con normalidade".
Iso si, o responsable de Medio Natural considera que a proposta da Xunta, que suxire limitar o acceso ás praias mediante dispositivos móbiles e códigos QR, é unha medida que "aplicada por si soa resulta elitista, xa que exclúe a amplas capas sociais que non saben manexarse na internet", polo que en todo caso debería complementarse.
Iván Puentes lamenta que a Xunta, antes de anunciar esta medida "a golpe de titular" non falase cos concellos que, en última instancia, son os que deben coordinar a asistencia ás súas praias.
Ademais, entende que este sistema podería provocar un "efecto chamada" se a Xunta prevé "vender" as praias galegas como un destino seguro, provocando a chegada masiva de cidadáns de comunidades que teñan unha peor situación sanitaria que Galicia.
"Temos que controlar ben a situación para non desandar todo o camiño andado", asegura o responsable de praias no goberno municipal.
Relacionadas:
-
Pontevedra reabrirá o luns as praias do Lérez, Ponte Sampaio e Os Praceres
Por Redacción |
-
O Grove rexeita o sistema de cita previa para ir á praia e reforzará os servizos nos seus areais
Por Redacción |
-
O Sergas solicítalle ao Ministerio de Sanidade pasar á fase 2 da desescalada
Por Oskar Viéitez |
-
Vilanova dará prioridade a veciños e turistas aloxados no municipio no acceso ás súas praias
Por Redacción |
-
Sanxenxo medirá con drones o aforo das súas praias pero non pensa en reservas con cita previa
Por Redacción |
-
Marín estudará "en profundidade" adherirse á plataforma para controlar o acceso ás praias
Por Redacción |
-
Bueu rexeita o sistema de cita previa para acceder ás praias
Por Redacción |
-
Unha APP con ADN pontevedrés para regular o acceso ás praias
Por Alejandro Espiño |
-
Promoven unha plataforma para que o acceso ás praias sexa con cita previa este verán
Por Redacción |
-
Permitido o uso de piscinas e praias para a práctica deportiva na fase 2 de desescalada
Por Almu Dapena |