Dan por desmantelada a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia, formada por experimentados 'lancheiros' e coñecidos traficante
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A operación antidroga desenvolvida durante a fin de semana de forma conxunta por axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria e Policía Nacional supuxo un duro golpe ao tráfico de drogas en Galicia e, segundo informan os investigadores, permitiu desarticular, en pleno estado de alarma, "a organización de narcotransportistas máis importante de Galicia".
Formada por experimentados 'lancheiros' e coñecidos traficantes, a organización poñíase ao servizo das máis importantes estruturas de narcotráfico a nivel nacional e internacional para recoller cocaína en alta mar cando fosen requiridos.
Tal e como xa se adiantou, a operación supuxo a aprehensión en alta mar de ao redor de 4.500 quilos de cocaína, repartidos en 152 fardos de 30 quilos, que foron trasladados ao porto de Vigo e a detención de 28 persoas, os 15 tripulantes do barco no que viaxaba a droga e 13 persoas en terra.
O comisario xeral de Policía Xudicial da Policía Nacional, Eloy Quirós, compareceu este martes no porto de Vigo, onde a sido trasladada a droga, e constatou que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado "no descansan" na loita contra a droga pese ao estado de alarma e nun mes e medio de confinamento incautáronse en España 10 toneladas de cocaína e houbo máis de 60 detidos por tráfico de drogas. A vixilancia dos grupos criminais "no ha bajado a pesar de las circunstancias que tenemos", insistiu.
A operación supuxo sacar de circulación un alixo de droga que podería alcanzar un valor de 120 ou 140 millóns de euros, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, confirmou que foi "larga, ardua y dificilísima". Larriba tamén engadiu que demostra que as Forzas de Seguridade "siguen trabajando en todos los ámbitos que repercuten en la seguridad de la población", ademais de "estar envorcados" na loita contra o coronavirus.
Sobre a importancia da operación, Quirós explicou que a "peculliaridad" desta organización é que "ellos mesmos fabricaban las lanchas", logrando, desa forma un "ahorro de costos" e tamén eludir o control que a Policia exerce neste tipo de intervencións. Jaime Gayá, xefe de Vixilancia Aduaneira en Galicia, insistiu na importancia patrimonial do operativo e revelou que xa hai contas intervidas e propiedades bloqueadas.
A investigación foi coordinada pola Fiscalía Antidroga de Pontevedra e dirixida polo Xulgado de Instrución número 3 de Vigo e implicou á Armada Española, a Axencia Americana Antidroga – DEA-, a National Crime Agency británica – NCA- e a Policía de Colombia – DIRAN-.
A droga foi incautada a bordo dun buque con bandeira de Togo que foi abordado sobre as seis da mañá do 25 de abril a unhas 600 millas ao oeste de Lisboa, a unhas 400 millas de Vigo. Para a interceptación do barco contouse coa colaboración da Armada Española e o seu buque ‘Tornado’, con base en Canarias, no que embarcaron unha decena de funcionarios e axentes de Axencia Tributaria e do Grupo Especial de operacións ( GEO) da Policía Nacional.
A investigación que culminou con esta importante operación antidroga comezou hai seis meses tras ter coñecemento as forzas da loita contra a droga de que había un grupo formado por experimentados lancheros e coñecidos traficantes que se ofrecía ás distintas estruturas de narcotraficantes para recoller cocaína en alta mar. O grupo investigado contaba cun gran número de lanchas e motores que gardaban en almacéns de seguridade distribuídos entre o norte de Portugal e diferentes localidades da provincia de Pontevedra.
Os investigadores localizaron o barco 'nodriza' que transportaba a droga grazas á colaboración da DEA, a NCA e a DIRAN, unha embarcación con bandeira togolesa que saíu de Panamá, presuntamente cargou a droga a principios de mes fronte á costa de Venezuela e levaba uns 20 días de travesía. O buque, denominado Karar, foi trasladado pola Armada ata o porto de Vigo.
Os primeiros detidos foron os 15 tripulantes do barco, entre os que había un cidadáns galego e o resto, mariñeiros procedentes de Bangladesh e Nepal. Simultaneamente, levou a cabo un dispositivo en terra que culminou coa detención de 13 persoas en Galicia, varias delas con numerosos antecedentes por tráfico de drogas. A operación está vinculada coa familia Santorum e o seu presunto xefe, Juan Carlos Santorum, está en paradoiro descoñecido. Ademais, foi arrestado o empresario do Salnés Braulio Vázquez.
A operación continúa aberta e non se descartan novas detencións. De momento, xa se realizaron 21 entradas e rexistros, deles 6 en naves, e interviñéronse cinco lanchas rápidas e numerosos vehículos.
Relacionadas:
-
O narcobuque 'MV Karar', vinculado a Santórum e apresado en pleno confinamento, poxado por 156.000 euros
Por Natalia Puga |
-
Polo menos 7 detidos nunha nova operación antidroga, entre eles, Juan Carlos Santórum
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Garda Civil detén no centro urbano de Bueu a un veciño con 45 dose de heroína
Por Oskar Viéitez |
-
Ascenden a 12 os detidos na provincia durante a operación antidroga desenvolvida en varias localidades da Ría de Arousa
Por Diego Espiño | Creada e actualizada
-
Detencións no Grove e Vilanova no marco dunha operación antidroga na Ría de Arousa
Por Diego Espiño |