Ninguén pagará ningún imposto, taxa ou prezo público, segundo Lores, durante o estado de alarma
Por Alejandro Espiño
Na actual situación de estado de alarma, dure o tempo que dure, ningún cidadán deberá abonar impostos municipais, taxas ou prezos públicos. Todos eles quedaron "aprazados", segundo avanzou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores.
O Concello xa adoptara a decisión de aplazar, entre outros, a cobranza do primeiro bimestre do recibo de auga e lixos, da viñeta do coche ou das taxas de venda ambulante, mercados e terrazas e veladores.
Serán, en todo caso, aqueles pagos que afectan á maior parte da poboación. Manteríanse os pagos, entre outros, nas licenzas urbanísticas ou impostos como o ICIO, que grava a actividade de construción e obras.
Fernández Lores garantiu que "sempre que sexa factible e legal" o Concello traballará para "minorar" os custos da vida para as persoas que están a pasar, nesta crise sanitaria, por "situación complicadas".
A este respecto, o alcalde indicou que o goberno municipal aprobará unha redución "substancial" da taxa que os hostaleiros pagan polas terrazas que os seus locais teñen no espazo público da cidade para compensar a súa falta de actividade.
O rexedor pontevedrés destacou ademais o "resaltable" traballo que están a realizar os servizos económicos do Concello que, nas últimas semanas, autorizaron o pago de 9 millóns de euros a provedores, diñeiro "imprescindible" para moitas empresas. Ademais, xa se tramitaron proxectos por outros 11 millóns para "o día despois" do coronavirus.
Ese futuro, segundo Lores, "nos preocupa" desde o punto de vista social e económico, ao entender que "non está claro", a pesar de que existe un acordo nese sentido, que os concellos poidan destinar os seus remanentes e superávits a reactivar a economía.
Nesta situación, en todo caso, o alcalde defendeu que o Concello "está facendo o que temos que facer" para afrontar esta pandemia, en coordinación "indiscutible e necesaria" coas autoridades competentes.
Relacionadas:
-
Pontevedra adiará o pago da auga e a viñeta a aqueles cidadáns que o soliciten
Por María José Pita |
-
O Concello deixa de ingresar máis de 65.000 euros pola redución da taxa de veladores nun 31,5%
Por Oskar Viéitez |
-
Promoción Económica traballa para que a feira ambulante volva a Rafael Areses o vindeiro 16 de maio
Por Marisa Ciordia |
-
O Concello de Pontevedra está disposto a ampliar os espazos para veladores e terrazas
Por Oskar Viéitez |
-
Estudan fórmulas para celebrar o pleno de maio no Teatro Principal
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello establece a opción de solicitar contrasinal para trámites por vía telefónica
Por Redacción |
-
O Concello ve "imprudente" tomar unha decisión xa sobre as súas festas de verán
Por Alejandro Espiño |
-
Lores pide "responsabilidade" aos pais ante a saída á rúa dos menores
Por Alejandro Espiño |