Cinco equipos de Ferrovial traballan en Pontevedra na limpeza específica pola emerxencia sanitaria
Por Oskar Viéitez
A xunta de goberno do Concello de Pontevedra ratificou na súa reunión deste luns dous decretos da Alcaldía relativos aos servizos de limpeza postos en marcha por emerxencia con motivo da crise sanitaria do COVID-19 e que foron adxudicados á empresa Ferrovial.
Un dos decretos do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores refírese á limpeza e desinfección das instalacións do albergue de Raíña da Paz, na parroquia de Salcedo.
Neste centro situado no lugar de San Brais os operarios de Ferrovial están a actuar de luns a domingo, ata completar unhas 28 horas á semana. Esta iniciativa arrancou o pasado 20 de marzo e concluirá cando termine a situación de confinamento polo que o orzamento é estimativo e estaba cifrado nuns 6.842 euros. Está prevista a súa revisión en función da duración da emerxencia sanitaria.
O segundo dos decretos da Alcaldía é o relativo á limpeza tanto no ámbito rural como no urbano, xunto á recollida de residuos derivados da acción sanitaria do coronavirus. O orzamento, tamén estimativo, é de 38.137 euros.
Segundo informou a portavoz do goberno local, Eva Vilaverde, Ferrovial dispuxo varios equipos. Así, un atende a zona urbana e puntos sensibles cunha máquina hidrolimpadora en quendas de mañá e tarde.
Un segundo equipo traballa todas as noites e ocúpase da desinfección de contedores de lixo e de illas de reciclaxe. Só estes traballos están valorados en 10.099 euros.
Un terceiro equipo, dotado dunha cuba con cisterna desinfectante atende o rural de Pontevedra, con especial énfase nas zonas máis sensibles. Estes traballos ascenden a 7.507 euros.
Hai tamén un cuarto equipo que se dedica á desinfección de edificios municipais onde houbo algún caso positivo de COVID-19 ou que sexa sospeitoso diso, ten un custo de 2.250 euros. Este equipo foi o que se utilizou para limpar o despacho do xefe da Policía Local, Ángel Ruibal, ou os despachos das traballadoras sociais de Fontoira, aínda que estes últimos só por precaución.
Por último existe un quinto equipo que é o encargado da recollida de lixo porta a porta, en días alternos, naqueles domicilios que teñen algún caso positivo. Ten un custo de 2.257 euros. A día de hoxe estase recollendo o lixo na porta de 19 domicilios activos que se corresponden con 32 casos positivos de infectados polo coronavirus o que afecta a 42 persoas. O concello chegou a atender a 26 domicilios con 41 persoas que deron positivo polo COVID-19.
A estimación inicial era esta situación se prolongase ata o 18 de abril pero a evolución da pandemia levou ao Goberno central a prolongar a situación de emerxencia polo que, como é lóxico, o custo de todos estes servizos será maior e a contía destes contratos subirá proporcionalmente.
Eva Vilaverde destacou que o Concello "sempre tivo unha especial preocupación" por garantir a seguridade e a hixiene na saúde das persoas.
A portavoz municipal valorou o esforzo que está a facer a empresa concesionaria do servizo de limpeza para dar conta do traballo ordinario e atender estes servizos específicos nos que Ferrovial ten asignados a uns 50 traballadores.
Relacionadas:
-
A recollida de lixo a doentes de covid-19 triplica os domicilios activos no confinamento
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O recibo do lixo en Pontevedra non subirá "custe o que custe" o novo contrato
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello estende a desinfección ás zonas periurbanas
Por Redacción |
-
Medio cento de operarios desinfectan a diario espazos públicos críticos de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |