O recibo do lixo en Pontevedra non subirá "custe o que custe" o novo contrato
Por Alejandro Espiño
"Pistoletazo" da saída para o novo contrato de limpeza viaria e xestión de residuos de Pontevedra, o máis importante que se aprobará neste mandato. O goberno municipal espera sacalo a licitación o próximo mes de marzo, segundo o edil Raimundo González.
Actualmente, sumando o custo do servizo máis a factura polo envío dos residuos a Sogama, Pontevedra gasta uns 8 millóns de anuais. Este custo, probablemente, será maior a partir de xuño de 2021 ao incluírse novas prestacións.
A pesar diso, o responsable das contas municipais garantiu que "custe o que custe" o recibo que pagan os cidadáns "non se verá afectado". González insistiu en que " non temos ningunha intención" de repercutir este aumento. " Non está na axenda".
Ata o de agora, o goberno municipal mantera reunións con asociacións de veciños, empresarios, sindicatos ou colectivos ecoloxistas "para ver como querían que fora o servizo". A estas consultas sumáronse unhas 400 suxerencias recibidas a través da web do Concello.
Este proceso de participación demostrou, segundo Raimundo González, o "gran compromiso ambiental" dos cidadáns de Pontevedra, xa que a maior parte destas achegas estiveron relacionadas cos sistemas de reciclaxe e compostaxe.
Ademais, recibíronse propostas, entre outras cuestións, para ampliar o ámbito da limpeza viaria, resolver o problema dos residuos depositados fóra dos contedores, a retirada destes do centro histórico ou que cambie a localización dalgúns deles.
A partir de agora, o Concello abrirá un novo proceso de consulta para determinar o regulamento que rexerá todo o servizo de limpeza de espazos públicos e de xestión dos residuos sólidos urbanos en Pontevedra.
Raimundo González detallou que se pretende fixar que tipo de residuos se recollen, que tipo de contedores se poñen, que clase de recollida se fará, que frecuencia terá, como se van a xestionar estes residuos ou como se actuará coa reciclaxe ou a compostaxe.
A maiores, o concelleiro nacionalista confirmou que o novo contrato incluirá un centro ambiental, que definiu como un punto limpo "máis amplo" no que se tratarán residuos de todo tipo, e a planta de compostaxe da Canicouva.
Con respecto a esta última, González asegurou que a súa construción correrá a cargo da empresa que se adxudique este contrato por razóns de "racionalidade e eficiencia". Ademais, incluirá "probablemente" unha zona para "valorizar" outros residuos como, por exemplo, unha área para separar envases.
"Canto máis separemos e máis reciclemos máis barato nos vai a saír", engadiu o edil, xa que lembrou que a lei de residuos que tramita o Ministerio de Transición Ecolóxica penalizará acumular residuos nas entulleiras ou incinerar o lixo.
Relacionadas:
-
O próximo recibo do lixo será 6 euros máis barato polo aumento da compostaxe e o colector marrón
Por Natalia Puga | Creada e actualizada
-
A Fiscalía investiga o contrato municipal polos terreos da Canicouva
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra prorroga o contrato do lixo mentres ultima os pregos do novo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra rebaixou en case 1.500 toneladas o volume de residuos enviados a incinerar en Sogama durante 2020
Por Anxo Lourido |
-
Finalizou o período de participación veciñal para o deseño do tratamento dos residuos
Por Redacción |
-
Aberta a participación veciñal para facer achegas ao novo regulamento do lixo
Por Redacción |
-
Os contedores marróns recolleron máis de 275 toneladas de residuos orgánicos
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra contrata a 16 persoas para a limpeza extraordinaria dos colexios
Por Oskar Viéitez |
-
Implantan en Pontevedra un proxecto piloto para impulsar a compostaxe doméstica
Por Alejandro Espiño |
-
Cinco equipos de Ferrovial traballan en Pontevedra na limpeza específica pola emerxencia sanitaria
Por Oskar Viéitez |