Medio cento de operarios desinfectan a diario espazos públicos críticos de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Centros sanitarios, supermercados, composteiros, contedores de lixo, paradas de bus ou farmacias. Son algúns dos espazos públicos "críticos" de Pontevedra, segundo o Concello, que están a ser desinfectados a diario grazas ao traballo de medio cento de operarios.
Este dispositivo, que está activado desde o pasado 16 de marzo, manterase cando menos ata final de mes e poderase ampliar en función de como evolucione a situación do coronavirus, independentemente de que se amplíe ou non o estado de alarma.
Os operarios traballan en quendas de mañá, tarde e noite para manter en perfecto estado sanitario todos os espazos e lugares aos que se teñen que achegar os veciños e veciñas, do ámbito urbano, da zona periurbana e do rural.
Para poñer en marcha este dispositivo, a concellaría de xestión dos residuos urbanos, que dirixe Raimundo González, modificou as prioridades diarias de traballo para centrarse na limpeza sanitaria dos espazos públicos.
Ademais dos xa citados, tamén se está a actuar na limpeza de rúas, estacións de tren e de autobús e ata papeleiras e cabinas telefónicas, para que cando a cidadanía teña que empregar estes espazos públicos o poida facer con total confianza.
A directriz da concellaría é limpar a diario con produtos desinfectantes en todos e cada un destes puntos sensibles, incluídas as inmediacións de centros sociais ou benéficos.
Seguindo estes criterios realizáronse limpezas en profundidade en todos os centros de ensino da cidade, medida que se volverá a repetir unha vez que se coñeza cando regresan os estudantes ás aulas. Tamén se trataron os centros deportivos municipais.
Os puntos prioritarios da desinfección diaria son, segundo o Concello, os de maior concentración de persoas nos ámbitos urbano, periurbano e rural. Así, traballan en xornada de mañá e tarde dous equipos integrados por unha hidrolimpadora e un peón especialista provistos de produtos desinfectantes.
No ámbito urbano e periurbano estas tarefas realízase de forma diaria con varredoras mecánicas, lava-beirarrúas e cisternas para baldeo por toda a cidade
O servizo de limpeza ten dividido o centro urbano en oito sectores, os de referencia da poboación: Campolongo, Michelena, Teucro, Ferrería, Benito Corbal, A Estrada, San Roque e Alameda.
Ademais, actúan con material específico en lugares de difícil acceso do centro histórico como nos Soportais, nas escaleiras de Santa María, as do Teucro ou os xardíns de Vincenti, entre outros.
Nos barrios da cidade, onde a presión peonil non é tan intensa, tamén se realizan a diario baldeos mediante cisternas cun equipo de dous operarios en xornada de mañá e de noite.
O dispositivo de limpeza e desinfección no ámbito rural mantén os mesmos criterios que no ámbito urbano. Actúa nos lugares especialmente críticos todos os días da semana cun equipo composto por un camión cisterna e un peón que empregan produtos desinfectantes.
Ademais, tamén se fan tarefas previas que aseguren a correcta execución e efectividade dos tratamentos de desinfección como pode ser a limpeza, roza e mantemento de contornas de contedores, paradas de bus, farmacias ou centros de saúde e de alimentación.
Neste dispositivo traballa a diario un equipo composto dunha cisterna, dous peóns e maquinaria auxiliar, ademais de produtos desinfectantes.
DESINFECCIÓN DE CONTEDORES
Outro dos puntos de desinfección son os contedores, as illas de reciclaxe e os dos centros de compostaxe comunitaria, de uso obrigado polos veciños, por iso é un dos ámbitos de especial atención por parte do servizo de limpeza municipal.
Todos os composteiros comunitarios do concello límpanse todas as tardes, ao igual que os contedores de lixo e as illas de reciclaxe que se atopen ao seu carón. Tamén se desinfectan todos os días os contedores que se atopen en ámbitos considerados críticos.
O resto de contedores están sendo limpados en xornadas de noite cunha hidrolimpadora, un peón especialista e produtos desinfectantes.
Ademais da limpeza e desinfección dos espazos públicos, o servizo de limpeza municipal tamén acomete traballos singulares derivados da crise sanitaria. O máis importante é o servizo de recollida de lixo porta a porta dos doentes por coronavirus que, a petición dos usuarios, faise normalmente cada dous días.
Outro dos servizos singulares é a limpeza integral e diaria do recinto Raíña da Paz onde se deu acubillo ás persoas sen teito. Ademais, de luns a venres límpanse todas as dependencias municipais con presencia de traballadores e existe un protocolo especial de desinfección no caso de que se producira un positivo entre o persoal municipal que está indo a traballar.
Relacionadas:
-
Os pontevedreses bateron récords de reciclaxe no mes de marzo
Por Redacción |
-
Cinco equipos de Ferrovial traballan en Pontevedra na limpeza específica pola emerxencia sanitaria
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra estrea a vía telemática para reunir os seus órganos de decisión
Por Alejandro Espiño |
-
A Brilat patrulla a ambos os dous lados da ría: desprégase en Poio e Pontevedra
Por Natalia Puga & Diego Torrado |
-
Un positivo por coronavirus no albergue de Salcedo obriga a unha desinfección urxente da Brilat
Por Natalia Puga & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Pontevedra reforza a desinfección de colectores
Por Redacción |