Pontevedra pedirá este 8M "corresponsabilidade" entre homes e mulleres para "equilibrar" a sociedade
Por Alejandro Espiño
Que homes e mulleres asuman por igual as tarefas domésticas e o coidado das familias. Avanzar cara á denominada "corresponsabilidade" será o eixo da campaña que o Concello de Pontevedra preparou para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.
A edil de Igualdade, Paloma Castro, presentou este xoves a programación municipal que incluirá, entre outras actividades, unha exposición efémera, un ciclo de charlas, espectáculos de artes escénicas e numerosas accións reivindicativas.
A campaña deste ano, segundo a concelleira socialista, pretende denunciar que "a día de hoxe" o coidado do fogar, os fillos ou os maiores dependentes segue recaendo "maioritariamente" nas mulleres, o que impide o seu "empoderamento completo" no marco da sociedade actual.
As mensaxes desta campaña, que se incluirán en bolsas de tea, mupis e bandeirolas por toda a cidade, engadiu Castro, "non van dirixidas só aos homes, senón tamén ás mulleres que deben darse conta de que é o momento de dar un golpe na mesa e plantarse na casa".
A programación municipal do 8 M comezará o día 2 de marzo coa instalación dunha exposición efémera, organizada en colaboración coa Universidade de Vigo, que consistirá na colocación dun centenar de retratos a gran escala de mulleres do municipio de Pontevedra, que estarán colocados entre a casa do concello e a facultade de Belas Artes.
Esta exposición, que estará realizada en papel, "durará máis ou menos", segundo a responsable de Igualdade, en función das condicións meteorolóxicas.
Tras a colocación da pancarta do 8M no balcón da casa do concello da Praza de España, acto previsto para o 3 de marzo, o Teatro Principal acollerá o sábado día 7, a partir das 19.30 horas, o ciclo de conferencias "Mulleres, discriminación sen fronteiras".
Nel, intervirán tres mulleres cun gran peso internacional na loita feminista e que, actualmente, residen en España en condición de refuxiadas.
Así, Georgina de los Ángeles Molina, activista en Nicaragua, falará sobre as múltiples violacións que sofren as mulleres no seu país en materia de dereitos humanos, e a saharahuí Nasra Amah Iahdih Said relatará a situación das mulleres na cultura musulmá. Pechará o ciclo María Isabel Menéndez, directora de igualdade da Universidade de Burgos.
Por "respecto" a outros colectivos feministas, a concellería de Igualdade non realizará "ningún acto" o propio 8 de marzo e Paloma Castro fixo un chamamento á cidadanía a que participen na concentración feminista que está convocada polo movemento asociativo.
O acto principal desta programación municipal trasladarase, por tanto, ao luns 9 de marzo cunha actividade na Praza da Ferrería na que o protagonismo será para o alumnado dos institutos da cidade.
Estudantes do IES Frei Martín Sarmiento representarán unha peza teatral titulada Sororidade e bailarán ao ritmo da canción A porta violeta de Rozálen; mentres que alumnos e alumnas do IES Sánchez Cantín elaboraron un flashmob con música e letra creadas por eles mesmos e que estará baseada na corresponsabilidade.
Relacionadas:
-
Retratos de mulleres do rural galego, achega de Pontevedra ao Inside Out Project
Por Alejandro Espiño |
-
O feminismo pontevedrés mostra unha vez máis a súa forza na manifestación do 8M
Por Redacción |
-
Pontevedra dá o pistoletazo ao 8-M co despregamento dunha pancarta reivindicativa
Por Redacción & Boris Rodríguez Pintos |
-
O lema 'Por nós, por todas' vestirá a balconada da Deputación de Pontevedra para reivindicar a igualdade
Por Sara Iglesias & Cristina Saiz |
-
As deportistas Teresa Portela e Sara Hurtado, principais referencias do 'Tour Universo Mujer' de Pontevedra
Por Redacción |