Pontevedra dá o pistoletazo ao 8-M co despregamento dunha pancarta reivindicativa
O goberno local despregou este martes unha pancarta reivindicativa do balcón da Casa do Concello con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que terá lugar o 8 de marzo e que conlevará un amplo abanico de actividades ao longo desta e da próxima semana. "Despregamos a pancarta para dar inicio aos actos con motivo deste día de reivindicación", declarou a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Paloma Castro, despois do acto.
A axenda reivindicativa está repleta de eventos. O próximo está fixado para o venres coa inauguración dunha exposición na Casa da Luz e, ao día seguinte no Teatro Principal, "imos ter unha charla con dúas mulleres activistas refuxiadas en España que falarán sobre a situación da muller en Sudamérica e en países musulmáns", explicou a edila.
O domingo desembarcará en Pontevedra o Tour Universo Muller para destacar a importancia do deporte feminino nunha carpa na que todo o mundo terá a oportunidade de practicar unha ampla variedade de disciplinas deportivas, así como de participar nunha andaina popular.
Ademais, toda a cidadanía está convidada a participar na marcha pola igualdade que partirá ás 17.30 horas da praza do Hospital Provincial para percorrer as principais rúas da capital da provincia. "Os socialistas entendemos que o 8-M é día de reivindicación, pero en positivo porque temos que puxar pola igualdade para así conquerir unha sociedade máis xusta", sinalou Castro.
A próxima semana comezará cun flashmob na Praza da Ferrería a cargo de diversos colectivos, entre os que haberá tamén estudantes; e o martes na Casa do Concello abrirá as súas portas unha nova exposición efémera que reivindica a igualdade e ten como obxectivo poñer o valor o papel da muller na sociedade.
Relacionadas:
-
Retratos de mulleres do rural galego, achega de Pontevedra ao Inside Out Project
Por Alejandro Espiño |
-
O feminismo pontevedrés mostra unha vez máis a súa forza na manifestación do 8M
Por Redacción |
-
Galegas 8M amosa o seu malestar con PSOE e PP por poñer "atrancos" ás manifestacións feministas de Pontevedra e Marín
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Pontevedra pedirá este 8M "corresponsabilidade" entre homes e mulleres para "equilibrar" a sociedade
Por Alejandro Espiño |